PLENO

O BNG traslada ao Pleno o rexeitamento da veciñanza do Meixonfrío para instalar a Plataforma loxística de transporte na parcela onde estaban previstas dotacións deportivas e sociais

Pazo de Raxoi
Pazo de Raxoi
Aprobáronse as mocións para a axilización da licitación de comedores escolares, o arranxo do paso de peóns e a terceira fase das obras da Pastoriza, a creación dunha zona de aparcadoiro nocturno no canellón da Colexiata de Sar e unha campaña de dinamización cultural na praza da Inmaculada como reclama a asociación Porta Norte
O BNG traslada ao Pleno o rexeitamento da veciñanza do Meixonfrío para instalar a Plataforma loxística de transporte na parcela onde estaban previstas dotacións deportivas e sociais

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2022.- O grupo municipal do BNG formulou unha pregunta sobre a falta de diálogo e de negociación do alcalde coa veciñanza do Meixonfrío para o uso da parcela municipal onde se aprobaran facer instalacións deportivas e sociais e que, agora, o grupo de Goberno prevé destinar á Plataforma loxística de transporte de mercadorías, co ruído e molestias que vai provocar. Ao inicio da sesión plenaria interveu Juan Manuel Granja, en representación da asociación veciñal Casa Agraria.

A veciñanza de Meixonfrío rexeita a intención do Goberno local de instalar unha plataforma loxística nesa parcela e o procedemento aberto para a expropiación de parcelas na zona, de aí que iniciasen mobilizacións contra este proxecto. Cómpre lembrar que no Pleno de febreiro de 2021 se aprobou unha iniciativa do BNG para a mellora dos espazos públicos e servizos básicos en Meixonfrío e para instar a Xunta de Galiza á humanización do Camiño de Santiago ao seu paso polos barrios de Meixonfrío, Mallou e Salgueiriños. Nesa moción incluíuse a proposta da veciñanza para que se realicen as xestións para o acondicionamento desa parcela de titularidade municipal de 12.000 m2 para usos múltiples, coa dotación de instalacións deportivas e sociais, ademais dun parque xerontoinfantil, de xeito que sirva para maiores e crianzas.

O BNG trasladou unha moción para que se axilice a licitación dos comedores escolares, que levan en precario desde xaneiro, cando expirou a prórroga para axilizar a licitación do servizo de comedores escolares para os CEIP do Concello de Santiago de Compostela, que están sen contrato desde xaneiro. Para o BNG, dar o servizo de comedores nos centros públicos cun modelo diferente ao actual é unha prioridade; por iso trasladou ao Pleno diversas iniciativas para que a Concellaría de Educación as tivese en conta e para comunicarlle ao concelleiro que o tempo se lle viña enriba e que a licitación non pode estar sen contrato. Aprobouse cos votos de BNG, PP e CA; o PSOE abstívose.

Outra moción foi para demandarlle ao Goberno local o arranxo do paso de peóns da rúa da Pastoriza para incrementar a seguranza viaria e a realización da terceira fase das obras dos Basquiños até a praza da Paz, no barrio de San Caetano. O paso de peóns da rúa da Pastoriza, que ten un desnivel e diversos parches de chapapote superpostos en obras realizadas en tandas que provocan elevacións a distinta altura na superficie peonil como se pode apreciar polo seu desgaste, converteuse nun punto negro de seguranza viaria para as persoas que transitan por esta rúa tan frecuentada, pois xa se produciron numerosas caídas de persoas maiores.

A situación actual deste paso de peóns, ademais de supor un problema para quen ten problemas de mobilidade ao obrigar a sortear as zonas deterioradas polo potencial perigo de torcer un pé ou caer, non respecta as normas de accesibilidade que lles corresponden aos pasos de peóns. Isto é a consecuencia da falta de realizar a intervención integrada na terceira fase do proxecto que está pendente das obras dos Basquiños, no tramo de San Caetano entre a praza da Paz e a rúa da Pastoriza, nacido ao abeiro do programa Urbana Santiago Norte. Aprobouse cos votos de BNG, PP e CA; o PSOE abstívose.

Noutra moción, o BNG demandou que se habilite unha zona de aparcadoiro nocturno para residentes no canellón da contorna da Colexiata de Sar. Dentro dos cambios introducidos para restrinxir o aparcadoiro no adro da Colexiata, unha cuestión con que concorda plenamente, o Goberno local determinou tamén eliminar outras zonas para aparcar no barrio de Sar. É evidente a necesidade de reordenar o tráfico e de procurar espazos que faciliten o tránsito peonil e humanicen o conxunto da nosa cidade. Con todo, este aspecto debe ser complementado co servizo necesario para aparcar a veciñanza residente no barrio, con melloras na seguranza e dotación de iluminación. É por iso que o BNG propuxo que se habilite o canellón da contorna da Colexiata de Sar para estacionamento nocturno a residentes. Aprobouse esta moción para habilitar o canellón da contorna da Colexiata e Sar para aparcadoiro nocturno cos votos do BNG, PP e CA; o PSOE abstívose.

A cuarta moción do BNG foi para desenvolver unha campaña de dinamización cultural en distintas prazas de Santiago de Compostela e, de maneira especial, na praza da Inmaculada para apoiar o tecido hostaleiro e comercial desta zona. Trátase de que se poña en valor o patrimonio co fin de recuperar e de atraer a xente de Compostela e tamén a que nos visita, para que acuda a actividades culturais nestes emprazamentos. Aprobouse por unanimidade.

Ademais, o BNG e CA presentaron unha moción conxunta no Pleno para instar a Xunta de Goberno, como órgano de contratación do Concello de Santiago, á revisión de oficio dos pregos dos centros socioculturais. O pasado 25 de outubro a Xunta de Goberno Local aprobou a licitación do expediente denominado "Xestión da rede de centros socioculturais do Concello de Santiago de Compostela", por un importe de 2.600.210 euros. De feito, o BNG xa presentou un recurso a estes pregos ante a Xunta de Goberno. Segundo o persoal dos centros, estes contratos van incrementar a precariedade das condicións laborais e non garanten a totalidade da xornada de traballadores/as. Ademais, o lote de novas tecnoloxías quedou deserto e o persoal que ofrece ese servizo descoñece como vai ser o novo procedemento laboral. BNG e CA votaron a favor, o PSOE votou en contra e o PP abstívose, co que quedou rexeitada esta moción.

 

O BNG traslada ao Pleno o rexeitamento da veciñanza do Meixonfrío para instalar a Plataforma loxística de transporte na parcela onde estaban previstas dotacións deportivas e sociais