PLENO
O BNG celebra que o Concello de Santiago organice un recoñecemento público ao pintor Xulio Maside
Santiago de Compostela, 28 de abril de 2022.- Na sesión ordinaria do Pleno de abril aprobouse unha moción conxunta para expresar o fondo pesar da Corporación municipal polo pasamento de Xulio Maside e trasladar á Comisión de Honras e Distincións a proposta de que acorde propoñer o debido recoñecemento da cidade acorde aos seus méritos. Ademais, o BNG conseguiu aprobar unha proposición, coa abstención do PSOE, para deseñar actividades sobre Florencio Delgado Gurriarán e a memoria do exilio e para crear un programa de promoción e exhibición do audiovisual en lingua galega entre a infancia e a adolescencia.
O próximo 17 de maio celebrarase novamente o Día das Letras Galegas, nesta ocasión dedicado a Florencio Delgado Gurriarán, un autor que tivo que padecer o exilio tras a represión despois do golpe de 1936. Precisamente, na editorial Nós de Santiago de Compostela, foi onde editou as súas primeiras publicacións. Trátase, pois, dunha boa ocasión para deseñar unha serie de actividades sobre a memoria do exilio, tanto a nivel galego, como de maneira especial promocionando a historia local e divulgando o coñecemento arredor das persoas que sufriron calquera tipo de represión tras o 36. Ademais, a proposta inclúe proxeccións públicas nos centros socioculturais, centros de ensino ou a través de salas de cinema, coa organización de charlas coas persoas implicadas nos filmes, curtas ou series vinculadas á dirección, produción e intérpretes.
Recoñecemento público a Xulio Maside
Xulio Maside Medina naceu en Vigo en 1933, viviu na Estrada e trasladouse a Santiago de Compostela en 1940, o seu lugar de residencia e de referencia, pois ao morrer o seu pai quedou baixo a tutela do seu tío, o pintor Carlos Maside, que foi o seu primeiro mestre e influencia decisiva na súa paixón artística, ideario e amor por Galiza.
De Carlos Maside aprendeu as técnicas da pintura, as tendencias artísticas e compartiu as formas das paisaxes na súa traxectoria inicial, que deixou atrás cando deu o paso ao predominio de liñas, manchas e planos para conformar figuras humanas e motivos recorrentes como gatos, cans, cabalos, serpes, paxaros e espellos, que se converteron en elementos icónicos na súa obra.
Estudou bacharelato no instituto Xelmírez e despois Medicina na Universidade de Santiago de Compostela. En 1961, participou na creación da Agrupación Cultural O Galo e despois dunha pequena mostra na libraría Carballal, situada na rúa do Vilar, en que vendeu todas as acuarelas nunha semana, animouse a organizar a súa primeira exposición individual no Hostal dos Reis Católicos en 1962. Como activista cultural, tamén foi dos fundadores de Estampa Popular Galega, nacida cos obxectivos da democratización da arte, a innovación e o compromiso político e cultural co país; presidiu a Asociación de Artistas Galegos durante unha década; e foi integrante do Ateneo de Santiago e do Grupo Nome creado en 1986.
Exerceu a súa profesión como médico anestesista no Hospital Xeral e no Hospital Clínico, até a súa xubilación. Desde 1965, a pintura, o activismo cultural e a medicina foron as súas actividades. Das súas exposicións pódese destacar a participación individual na galería Citania, na feira de Arco, na Galería Trinta, na Caixa de Aforros de Vigo; en colectivas na Bienal de Pontevedra, na Mostra que trata do Spagna en Milán e Turín (Italia), no Kunst und Museumskreis, de Bad Essen (Alemaña), no Auditorio de Galiza en 2014, unha antolóxica no Casino ou na Fundación Granell no Pazo de Bendaña en 2021 (Santiago de Compostela), entre outras. Tamén exerceu a súa faceta como ilustrador en publicacións literarias e nas principais cabeceiras de xornais e revistas galegas.
Xulio Maside, que faleceu o 10 de abril de 2022, foi un referente do ámbito social e activista cultural de Santiago de Compostela, sempre acompañado pola súa muller María Esther Rodríguez Losada, quen o apoiou no impulso das liberdades creativas.
Rogos: limpeza do estanque do Auditorio, mantemento do palco da música e aparcadoiro de Altiboia
Ademais, no apartado de rogos, o BNG reclamou que o Goberno local tome medidas para realizar unha limpeza continuada que manteña en bo estado a calidade da auga do estanque do parque do Auditorio de Galiza. Tamén pediu que se realice unha actuación de urxencia para a conservación do palco da música e dos bancos da alameda de Santiago de Compostela para evitar a súa maior degradación antes da intervención que se realizará ao abeiro do plan director previsto para este espazo. O terceiro rogo foi para que se habiliten tarxetas de residentes para a veciñanza da rúa de Altiboia no aparcadoiro de Altiboia, que non teñen dispoñibilidade, para que revise o uso de zonas verdes en que acontecen situacións semellantes, como a rúa dos Xazmíns, para facilitar o aparcamento.
Inspección do Servizo de Mantemento e Control de Tráfico e do Túnel do Hórreo
Na quenda de preguntas orais, o BNG trasladou unha pregunta escrita que non respondeu en prazo o Goberno local, para saber que medidas adoptaron para realizar seguimento e inspección da empresa concesionaria do Servizo de Mantemento e Conservación dos Sistemas de Control de Tráfico e do Túnel do Hórreo no municipio de Santiago de Compostela, no relativo ás irregularidades que advirten os seus traballadores en relación a incumprimentos da empresa concesionaria vinculados á revisión do funcionamento do sistema antiincendios do túnel do Hórreo e aos equipos de emerxencia. Desde o Goberno local responderon que veñen de incoar expediente sancionar á empresa por estes incumprimentos.
Tráfico nos Concheiros, Home Santo e Rodríguez de Viguri
O BNG reclama tamén que se informe a veciñanza dos Concheiros, Home Santo e Rodríguez de Viguri sobre os cambios previstos na mobilidade desa zona e cales van ser as principais novidades no tránsito, posto que as obras dos Concheiros e da avenida de Lugo, unidas á construción dos novos edificios da Xunta en San Caetano, onde antes estaba a estación de autobuses, van provocar mudanzas no tráfico desa área onde residen milleiros de habitantes. Así, residentes desa zona trasladaron ao grupo municipal do BNG a súa inquedanza e preocupación ante a falta de información do Goberno local sobre os plans de mobilidade, sobre a posibilidade de circular nun único ou dobre sentido por determinadas rúas, pois descoñecen se os cambios producidos van ser temporais ou definitivos.