PLENO
O BNG reclama unha limpeza continuada do estanque no parque do Auditorio de Galiza
A proliferación de residuos que se acumulan en determinadas zonas poden provocar danos á fauna e á flora
27 abr. 2022 - 15:08
O BNG reclamará no Pleno que o Goberno local tome medidas para realizar unha limpeza continuada que manteña en bo estado a calidade da auga do estanque do parque do Auditorio de Galiza.
Os labores de limpeza e coidado da lagoa do parque do Auditorio de Galiza resultan insuficientes á vista da proliferación de residuos que se acumulan en determinadas zonas e que poden provocar danos á fauna e á flora.
Envoltorios de plástico e de cartón, ademais doutros obxectos e manchas de residuos provocan sucidade nesta zona acuática onde viven parrulos e cisnes, entre outras especies propias desde hábitat, que se ven prexudicadas por esa contaminación. O vento e as correntes da auga empuxan ese lixo que se acumula en diversos puntos.