PLENO

O BNG reclama unha actuación de urxencia para a conservación do palco da música e dos bancos da alameda

Palco de música da alameda
Palco de música da alameda
A demora na tramitación da elaboración do Plan Director do Parque da Alameda de Santa Susana, aprobado en Pleno en 2021, está a provocar uns danos que poden ser irreversíbeis a elementos que conforman o patrimonio
O BNG reclama unha actuación de urxencia para a conservación do palco da música e dos bancos da alameda

O BNG reclama que o Goberno local realice unha actuación de urxencia para a conservación do palco da música e dos bancos da alameda de Santiago de Compostela para evitar a súa maior degradación antes da intervención que se realizará ao abeiro do plan director previsto para este espazo.

O grupo municipal do BNG advirte de que a demora na tramitación da elaboración do Plan Director do Parque da Alameda de Santa Susana, aprobado en Pleno en 2021, está a provocar uns danos que poden ser irreversíbeis a elementos que conforman o patrimonio, de xeito destacado nos bancos de fundición de Sargadelos ou no palco da música realizado en 1896 por Daniel García Vaamonde, sobre un proxecto anterior de Ramón Vieites Castromán.

Ante a carencia duns labores de mantemento e de conservación que deberían ser periódicos, a proliferación de vexetación e a ferruxe existentes na actualidade poden provocar danos graves, tendo en conta que, de non actuar con celeridade, poden acrecentarse estas deficiencias que se aprecian a simple vista e deslocen o conxunto deste emprazamento.

De feito, a redacción dese plan director foi formalizada o 17 de marzo de 2022 cun importe de 158.721 euros e cun prazo de execución de 18 meses. De aí que sexa necesaria unha intervención de urxencia nos elementos máis degradados, pois logo deses 18 meses aínda queda o prazo de execución desas directrices.

 

O BNG reclama unha actuación de urxencia para a conservación do palco da música e dos bancos da alameda