PLENO
Fronte a un alcalde que baleira o Pleno de contidos, o BNG insiste para que o PSOE se posicione en propostas que reclama a veciñanza
Goretti Sanmartín cualificou de “escandaloso” que o PSOE leva no que vai de mandato 197 abstencións para non comprometerse cos acordos plenarios
Santiago de Compostela, 27 de abril de 2022.- A portavoz municipal Goretti Sanmartín sinalou en rolda de prensa que “fronte a un alcalde que baleira o Pleno de contidos cando é o órgano de maior representación municipal para facer que non sirva absolutamente para nada, o BNG insiste e vai levar a debate unha serie de temas para que todos os grupos tomen posición e, sobre todo, o grupo de Goberno, sobre propostas que reclama a veciñanza”.
Así, enunciou as diversas iniciativas para esta sesión ordinaria do mes de abril, dirixidas a deseñar actividades sobre a memoria do exilio e Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, e para crear un programa de promoción do audiovisual en lingua galega entre a infancia e a adolescencia; para axilizar a licitación do servizo de comedores, que está en precario e cunha orde de continuidade desde xaneiro xa que esgotou o prazo de prórroga; para arranxar o paso de peóns na rúa da Pastoriza e realizar a terceira fase das obras dos Basquiños até a praza da Paz; para habilitar o canellón da contorna da colexiata do Sar para aparcadoiro nocturno para residentes; e para apoiar o comercio e a hostalaría cunha campaña de dinamización cultural na contorna da praza da Inmaculada.
“Ás veces, dísenos que levamos máis do que se pode facer, pero é bo lembrarlle a este Goberno o baixo nivel de execución orzamentaria, ademais de que moitas veces estas propostas van asociadas a un programa plurianual para que os barrios e as parroquias poidan saber canto lle corresponde e cando van actuar, en vez de ir a golpe de improvisacións”, explicou.
Tamén trasladará iniciativas para instar a Xunta de Goberno a revisar de oficio os pregos de xestión da Rede de centros socioculturais, para limpar o estanque do parque do Auditorio, para manter en bo estado o palco da música e os bancos da alameda, para permitir o estacionamento de vehículos das persoas que viven na rúa Altiboia na zona de residentes no aparcadoiro da rúa Altiboia, e tamén unha pregunta para solicitar a inspección da empresa concesionaria do servizo de mantemento e conservación dos sistemas de control de tráfico, “neste caso porque era unha pregunta escrita e non contestaron en mes e medio, igual que levaremos para o próximo Pleno a pregunta sobre a petición de carta de liberdade das rapazas do Amio SD, que tampouco foi respondida en tempo”. Ademais, o BNG pedirá que se informe á veciñanza dos Concheiros, Home Santo e Rodríguez de Viguri sobre os cambios de mobilidade previstos na zona.
Intercambio de cromos coa veciñanza do Meixonfrío
Outra das iniciativas é para reclamar o diálogo coa veciñanza do Meixonfrío e a mudanza de localización da Plataforma loxística para o transporte das mercadorías á Cidade histórica. A respecto da reunión mantida onte co Goberno local, parece que houbo “un intercambio de cromos coa veciñanza do Meixonfrío”, “que merece obras de para que se amañe e se humanice Mallou, para o que xa hai prevista unha cantidade de 300.000 euros nos Orzamentos de 2022 e, seguramente, hai que incrementar esa cifra”. “O que non se pode é xogar con iso a cambio de que non sigan a reclamar que alí non se instale a plataforma loxística, non son maneiras de actuar”, advertiu, xa ese lugar xa estaba aprobado en Pleno que ía ser destinado a zona deportiva e de esparexemento para a veciñanza.
Ante as 12 iniciativas que levará o BNG a este Pleno, das que 6 requiren votación, Goretti Sanmartín preguntouse se o grupo de Goberno se vai abster en todas elas e se vai bater o récord de abstencións do mes de marzo.
Bugallo bate todos os récords: é o campión das abstencións
Cualificou de “escandaloso” que o PSOE leva no que vai de mandato 197 abstencións nos 28 plenos ordinarios, cunha media de 7 abstencións por Pleno. “Bugallo bate todos os récords: é o campión das abstencións”, afirmou. “Hai que preguntarse se iso, que pode ser legal, é ético porque absterse ante as propostas de solucións aos problemas que lle preocupan á veciñanza é para non comprometerse con ningún tema, para logo facer negociacións de tapadillo que non parecen democráticas”, advertiu.
Anunciou tamén que o BNG levará ao Pleno do mes de maio a proposta de se convocaren as axudas para cooperación que reclama a Coordinadora de ONGD. Este tema é un exemplo de como desenvolve as cousas o PSOE, promete para non cumprir, cando xa van tres anualidades perdidas. “Esiximos un compromiso inmediato tanto de quitar esta convocatoria como de convocar o Consello de Cooperación, que non se estreou neste mandato”.
“O BNG está cos colectivos, coa veciñanza, coa xente de Compostela desesperada ante a inacción do Goberno municipal”, indicou, “e imos seguir desenvolvendo a nosa tarefa de control ao goberno e de presentación das propostas que nos fai chegar a cidadanía”. “Con toda a humildade, mais tamén con todo o orgullo e a dignidade de pertencer a unha forza que é a alternativa de Goberno deste país e que leva demostrado en numerosos concellos a súa capacidade de transformación e de mellora das condicións de vida da veciñanza”, indicou a portavoz nacionalista en Raxoi.