ORZAMENTOS

O BNG advirte de que o Goberno local deixou sen pagar 500.000 euros para programas de cooperación e desenvolvemento

Reunión con representantes da Coordenadora de ONGD
Reunión con representantes da Coordenadora de ONGD
Goretti Sanmartín mantivo unha xuntanza con representantes da Coordinadora de ONGD
O BNG advirte de que o Goberno local deixou sen pagar 500.000 euros para programas de cooperación e desenvolvemento

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2022.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, mantivo unha reunión con Sara García e Gema Filgueira, representantes da Coordinadora Galega de ONGD, ante o incumprimento do Goberno local dos compromisos coa cooperación ao desenvolvemento e coa loita contra a pobreza, xa que deixaron sen executar máis de 500.000 euros orzados desde que Sánchez Bugallo entrou na Alcaldía, nuns anos especialmente complicados para os colectivos máis vulnerábeis.

“O BNG esixiu na negociación para os Orzamentos de 2022 que se puxese en marcha a convocatoria para a cooperación ao desenvolvemento e que se incorporasen tamén os atrasos de anos anteriores”, explicou Goretti Sanmartín, “e o Goberno do PSOE  comprometeuse a facer realidade esta petición”. A pesar diso, levan meses sen atender as peticións de reunión deste colectivo e isto é un exemplo da falta de diálogo do que acontece noutras áreas e, por iso, moitas asociacións xa non se fían deste Goberno local do PSOE.

Esta coordenadora organizaba o programa Compostela + Solidaria de sensibilización e divulgación en distintos espazos da cidade, que situou Santiago como unha referencia á hora de reflexionar ao redor de temáticas como as migracións, a convivencia entre culturas, a emerxencia climática e o consumo responsábel.

Así, Goretti Sanmartín comprometeuse a reclamar, máis unha vez, que se execute a partida económica destinada a esta finalidade, ademais de instar a realizar a convocatoria do Consello municipal de Cooperación. Este espazo de participación cidadá contaba cos distintos grupos políticos municipais e de axentes de cooperación como as ONGD, representantes das asociacións veciñais, da Dirección Xeral de Relacións Exteriores da Xunta, do Consello Económico e Social, do Foro Cívico, do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e do Foro Galego de Inmigración.

Deste xeito, o BNG demanda que o Goberno municipal faga efectiva a liña de axudas prevista para a Coordinadora de ONGD para 2022 e que reactive o Consello Municipal de Cooperación.

 

O BNG advirte de que o Goberno local deixou sen pagar 500.000 euros para programas de cooperación e desenvolvemento