O BNG insta o Goberno local do PSOE a cubrir a praza de uxier pendente no Centro sociocultural de Vite
Debe procurar unha solución para dar servizo á veciñanza de Vite e arredores, ao se tratar dun espazo de encontro e de actividades de referencia
Santiago de Compostela, 25 de abril de 2022.- O grupo municipal do BNG insta o grupo de Goberno do PSOE a cubrir a praza da xubilación do uxier do Centro sociocultural de Vite que permanece vacante.
Desde o mes de setembro de 2021, o centro sociocultural de Vite carece do servizo dun dos dous uxieres asignados por estar de baixa médica e, desde aquela, o Goberno local non cubriu esa praza de substitución. Isto provocou que o persoal se vise na obriga, inicialmente, de dobrar quendas e de ampliar horarios para manter abertas estas instalacións públicas. Coa xubilación do uxier producida en decembro de 2021, a situación agravouse pois non se cubriu esta praza, pese á necesidade deste labor e á recollida de sinaturas por parte de persoas usuarias do centro que xa foron entregadas ao Goberno local.
O novo contrato dos centros socioculturais prevé 4 uxieres máis, pero até a súa entrada en vigor o Goberno local debe procurar unha solución para dar servizo á veciñanza de Vite e arredores, ao se tratar dun espazo de encontro e de actividades de referencia.
Deste xeito, o BNG trasladou unha pregunta ao Goberno local para coñecer os prazos para cubrir a praza de uxier que está vacante.