PLENO

O BNG propón unha programación en Santiago dedicada a Florencio Delgado Gurriarán sobre a memoria do exilio

Florencio Delgado Gurriarán
Florencio Delgado Gurriarán
Goretti Sanmartín aposta pola promoción do audiovisual en lingua galega a través de proxeccións nos centros socioculturais e centros de ensino sobre o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas
O BNG propón unha programación en Santiago dedicada a Florencio Delgado Gurriarán sobre a memoria do exilio

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2022.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, presentará unha proposición no vindeiro Pleno para que o Concello de Santiago desenvolva unha serie de actividades sobre a memoria do exilio, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas dedicado a Florencio Delgado Gurriarán. Ademais, propón crear un programa de promoción do audiovisual en lingua galega a través de proxeccións nos centros socioculturais, centros de ensino e, se for posíbel, de salas de cinema, orientadas principalmente ao público infantil e xuvenil.

O próximo 17 de maio celebrarase novamente o Día das Letras Galegas, nesta ocasión dedicado a Florencio Delgado Gurriarán, un autor que tivo que padecer o exilio tras a represión despois do golpe de 1936. Precisamente, na editorial Nós de Santiago de Compostela, foi onde editou as súas primeiras publicacións.

Trátase, pois, dunha boa ocasión para deseñar unha serie de actividades sobre a memoria do exilio, tanto a nivel galego, como de maneira especial promocionando a historia local e divulgando o coñecemento arredor das persoas que sufriron calquera tipo de represión tras o 36.

“Para alén disto, sería bo aproveitar o mes de maio para lanzar a proposta dun novo programa elaborado de maneira transversal desde diferentes áreas municipais como cultura, educación, mocidade e normalización lingüística co obxectivo de promocionar o audiovisual en lingua galega, orixinal ou tradución, dirixido aos sectores da infancia e da adolescencia, franxas etáreas en que o galego está en franco retroceso segundo se deduce de todos os estudos sociolingüísticos existentes até o momento”, explicou.

Así, indicou que “tanto na Galiza como en Compostela contamos cun amplo abano de persoas dedicadas ao audiovisual que deberían ser moito máis coñecidas e recoñecidas no noso concello, sobre todo entre as idades máis temperás”.

 

A proposta do BNG tentaría levar as proxeccións públicas aos centros socioculturais, centros de ensino ou a través de salas de cinema con que se farían convenios específicos con esta finalidade destes materiais, coa organización de charlas coas persoas implicadas nos filmes, curtas ou series vinculadas á dirección, produción e intérpretes.

 

 

O BNG propón unha programación en Santiago dedicada a Florencio Delgado Gurriarán sobre a memoria do exilio