PLENO

Goretti Sanmartín, no Debate do Estado do Concello, destaca o “escapismo” do alcalde como resposta aos problemas de Santiago

Portavoces municipais ao inicio do Pleno do Debate do Estado do Concello
Portavoces municipais ao inicio do Pleno do Debate do Estado do Concello

Relata os atrasos nas obras, a mala xestión na contratación dos servizos públicos, a falta de diálogo coa veciñanza e a carencia de autocrítica do PSOE

Goretti Sanmartín, no Debate do Estado do Concello, destaca o “escapismo” do alcalde como resposta aos problemas de Santiago

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2022.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, no Pleno do Debate do Estado do Concello, afirmou que “o tempo deste Goberno, deste alcalde, xa pasou; pois iso foi o que el mesmo dixo ao afirmar que o que non se facía no primeiro ano de mandato non se facía”. “Case 3 anos despois do inicio do seu mandato é ben coñecido o seu escapismo e a falta de resposta aos problemas de Santiago”, engadiu.

Así, cualificou a xestión do grupo de Goberno do PSOE como “facedores dun Santiago acomplexado, cativo e ruín”, afirmou, “que non pensa nunha Compostela en grande, luminosa, capital, unha cidade universitaria, industrial, turística si, mais viva e pensada para a cidadanía, innovadora, moderna, aberta e culta. Santiago é onde se garda a memoria do País e, por tanto, debe ter referencialidade para construír o seu futuro”.

Segundo explicou, este Goberno caracterizouse neste último ano “pola soberbia, a falta de diálogo interno, entre o propio grupo de goberno e externo cos grupos da oposición e coa veciñanza, pola carencia de autocrítica e polo pasotismo”. “E iso case sempre vai da man dunha mala xestión”, indicou.

Este ano foi o ano das obras, segundo o definiu o propio Goberno, o ano en que botaron peito e en que se fartaron de presumir dunhas obras pesimamente xestionadas que continúan a causarlle graves problemas á veciñanza. Referiuse, así, aos problemas e atrasos nas obras dos Concheiros, ás do muro do Pombal, do Hórreo, do proxecto de Intermodal non deseñado para a choiva de Compostela, ás do Orbitaliño e ás da Xunta nos Camiños de Santiago. Así, lembrou que o BNG solicitou a reprobación do concelleiro de Obras, pola pésima xestión e pola falta de diálogo veciñal, unha reprobación que contou co visto e prace da maioría da Corporación.

O 5 de xuño de 2020 anunciouse o Plan de Contratación do Concello de Santiago, con 113 contratos por un valor próximo aos 800 millóns de euros, mais case dous anos despois ten case todos os deberes pendentes. Referiuse ao contrato de transporte, con autobuses que caen a cachos, falta de liñas e frecuencias, imposibilidade de garantir a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida; ao contrato da auga, ás pistas de pádel, ao servizo de limpeza das dependencias municipais, ao matadoiro, ao servizo de limpeza e conserxaría dos CEIP, ao que se suma o acontecido cos dos centros socioculturais en folga.

Este tamén foi o terceiro ano de mandato de Bugallo en que continuou sen cumprir a promesa electoral de solucionar o tema de Peleteiro, pois o que ían ser 3 meses xa pasa de 3 anos. Sinalou que o BNG propuxo, con intención construtiva, despois de falar coa veciñanza afectada, unha terceira vía para saír dunha situación irresolúbel e achar a fórmula que menos prexudicase o conxunto da veciñanza.

Goretti Sanmartín aludiu á falta de diálogo, como aconteceu coa praza de abastos e cun proceso de peonalización feito sen diálogo previo e sen ofrecer alternativas. Nas súas intervencións no Pleno ficou claro que o mercado lles sobra, como tamén lles sobran o Mercado de gando de Amio e o rural.

Cuestionou tamén o anuncio por parte do alcalde da Plataforma loxística de transporte de mercadorías en Mallou, sen diálogo ningún coa veciñanza de Meixonfrío, que se opón a este proxecto de xeito unánime. Nese lugar, o BNG presentara no Pleno unha proposta da veciñanza para que fose unha zona multiusos: campo da festa e zona deportiva, que foi aprobada.

Deste xeito, lembrou que o BNG propuxo que cada certo tempo o Pleno fixese un seguimento das iniciativas aprobadas, porque non cumpren con case nada. O PSOE leva, no que vai de mandato, 197 abstencións nos 28 plenos ordinarios, unha media de 7 abstencións por Pleno. Foron 87 nos plenos de 2021 e non levan camiño de facer propósito de emenda porque no pasado do mes de marzo bateron o récord, con 15 abstencións nun Pleno.

Como tampouco cumpren nin en responder as queixas da cidadanía que se dirixe á xestión do Goberno a través da Comisión de Queixas e Suxestións. En canto aos consellos de participación cidadá, só convocaron o de Saúde, hai que recoñecelo, e o de Persoas maiores. Nin activaron o Consello de Relacións Veciñais nin o de Educación, tras negárense a asumir as peticións das ANPA e continuar sen lle dar relevancia a unha área desde as que máis se pode facer por transformar a realidade. Iso si, continúan sen modificar o modelo de comedores a prol da proximidade.

Destacou tamén que se negaron a crear un Plan de emprego xuvenil, cando diminúe a calidade de emprego  e durante a pandemia afloraron as consecuencias da economía somerxida que afecta, principalmente, a mulleres.

Definiu como “hipocrisía” a creación dun Consello de Memoria histórica mais só para facer o acto formal de preconstitución, logo de que o BNG presentase unha proposición para crear unha Comisión especial de memoria histórica en setembro de 2019.

Ademais, referiuse a que a administración electrónica “é un calvario para a veciñanza, con centos de incidencias e con persoas que teñen que recorrer a xestorías para realizar os seus trámites administrativos, algo intolerábel; ademais da existencia de teléfonos fantasmas, que se anuncian mais non existen”.

Non cumpriron co período medio de pago a provedores, que de xaneiro a setembro de 2021, o publicado até agora, está nunha media de 47,13 días, moi por riba dos 30 días que marca a lexislación, co problema que iso supón para a economía de pequenas e medianas empresas.

“O seu tempo xa pasou, señor Bugallo; vostede xa se presentou a unhas eleccións como o salvador necesario e xa demostrou que  vostede e o seu equipo, que o PSOE local, non é capaz de mellorar a xestión do Concello”, indicou.

Goretti Sanmartín, no Debate do Estado do Concello, destaca o “escapismo” do alcalde como resposta aos problemas de Santiago