ACTO
O BNG conmemora o aniversario dos Mártires de Carral e a súa vinculación con Santiago de Compostela
“Non é casualidade que o Pronunciamento galego de 1846, con carácter xeracional, nacese en Santiago, porque Santiago ten unha función nacional, do lugar onde reside a memoria histórica, o mito, o símbolo e a responsabilidade de conservar a memoria de Galiza como país”, afirma Suso de Toro
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2022.- O BNG organizou un acto público para conmemorar a Revolución Galega de 1846 e os Mártires de Carral, que contou coa participación de Goretti Sanmartín, Navia Rivas, o escritor Suso de Toro e do actor Lucho Penabade, que declamou o desenvolvemento da contenda.
Deste xeito, o BNG reivindica un ano máis a memoria dos Mártires de Carral, loitadores pola liberdade da Galiza e xermolo da conciencia do nacionalismo galego contemporáneo, nun evento en que se destacou o papel de Antolín Faraldo no 200 aniversario do seu nacemento e sobre o que o BNG levou a Pleno unha iniciativa para celebrar como merece o levantamento de 1846 para recordar este feito histórico.
Segundo expuxo Goretti Sanmartín, o BNG desenvolve “un inxente traballo arredor da memoria histórica”. “Faino a nivel nacional, co extraordinario labor de Luís Bará e a súa proposta de Lei de memoria democrática galega; a nivel estatal, co magnífico traballo de Néstor Rego no Congreso; coa relevancia da Deputación da Coruña, co BNG á fronte desta memoria, na recuperación do Pazo de Meirás; e co labor da nosa eurodeputada, Ana Miranda, neste terreo”, explicou.
A nivel local, de Santiago de Compostela, o BNG foi pioneiro “en solicitar toda a información sobre as estatuas do Mestre Mateo, seguindo as recomendacións da Asociación O Sorriso de Daniel e teimamos en que non ficase na querela posta polo Concello senón que conseguimos premer para que se involucrasen outras administracións”. “Formouse, así, unha nova comisión de persoas expertas que prepararon un informe mais que non presentaron aínda recurso xudicial, entendemos que aínda que sexa unha boa nova a admisión a trámite do contencioso do Concello, iso non garante que se gañe esta batalla e que é bo que ese recurso se presente o máis axiña posíbel”, destacou.
Lembrou que foi a iniciativa do BNG a creación dunha Comisión especial de memoria histórica en setembro de 2019, mais o PSOE non fixo nada máis que constituíla, ou unha estatua en homenaxe a Ánxel Casal nun lugar emblemático como a praza de Cervantes, que aínda non ten o debido recoñecemento na cidade de que foi alcalde. “Insistimos en retirar a simboloxía franquista que aínda permanece no concello, desde a praza da Quintana até espazos na universidade ou escolas do rural, cómpre lembrar que xa en febreiro de 2017 se aprobara por unanimidade unha moción do BNG para a retirada da simboloxía franquista de 10 edificios públicos de Santiago”, engadiu. A isto sumou a proposta de instalar unha placa co nome de Consuelo Otero Rial, veciña de Conxo, sindicalista, asasinada no 1936; ou as peticións da Plataforma de Galeras para colocar unha placa en Santa Isabel en lembranza de milleiros de presos e vítimas da represión que estiveron ou pasaron por alí entre 1936 e 1946; e a colocación dunha placa na nova terminal do aeroporto en lembranza das persoas que estiveron no campo de concentración da Lavacolla e que colaboraron na construción do aeródromo.
“Somos de onde vimos, coñecer a historia é o único modo de avanzar, de camiñar sen medo a cometer os mesmos erros do pasado; coñecer a historia é facer xustiza, facer xustiza a todas as persoas que loitaron por uns ideais compartidos”, indicou.
Ademais, realizou un chamamento á participación na manifestación nacional convocada por Vía Galega para este domingo, 24 de abril, con saída ás 11:30 da alameda compostelá baixo o lema “Somos unha nación”, esa nación soñada que hoxe continuamos a construír.
Pola súa parte, a concelleira Navia Rivas fixo referencia á “historia daqueles homes e mulleres que soñaron cunha realidade diferente, máis próspera e máis libre”, sinalou, “e a nosa homenaxe e lembranza deles, colócanos como herdeiros e herdeiras desa historia, para tamén nós podermos pór o noso esforzo para conseguir esa realidade máis xusta para o noso país”.
“Trátase dunha celebración do ímpeto, do pulo revolucionario, porque a nosa é unha revolución permanente, de quen defendemos a nación galega, o dereito e a construción dunha nación libre e democrática, que se actualiza xeración tras xeración”, afirmou o escritor e historiador Suso de Toro.
“Había que se preguntar como unha verdadeira revolución como a de 1846, coa súa dimensión social, épica e política, non ten o eco que debera ter; pois hai rituais como o Banquete de Conxo que son un eco desta revolución e teñen máis repercusión”, explicou Suso de Toro. Ademais, lembrou que a Galiza moderna, após o Reino histórico, fúndase sobre a Revolución de 1846 e sobre a figura de Antolín Faraldo e esta non é unha conspiración liberal máis, porque tamén existía a conciencia da unidade do Reino da Galiza.
“Non é casualidade que este Pronunciamento galego, con carácter xeracional, nacese en Santiago, porque Santiago ten unha función nacional, do lugar onde reside a memoria histórica, o mito, o símbolo e a responsabilidade de conservar a memoria de Galiza como país”, indicou. “Santiago é o lugar onde encontramos un argumento común, a carón da Universidade, e iso é o que o fai específico”, engadiu.