PLENO
O BNG reclama a axilización da convocatoria do concurso de comedores escolares, que están sen contrato desde xaneiro
No mes de xullo de 2021 aprobouse unha moción para estabelecer unha planificación, en diálogo coas ANPA, que non se realizou
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2022.- O grupo municipal do BNG presentará unha moción no Pleno de abril para axilizar a licitación do servizo de comedores escolares para os CEIP do Concello de Santiago de Compostela, que están sen contrato desde xaneiro.
A xestión do servizo de comedores escolares para os 10 centros de educación infantil e primaria do concello de Santiago enmárcase no desexo do Concello en prestar un servizo á cidadanía e, en particular, ás familias con menores a cargo que favoreza a conciliación da vida laboral e familiar, a adquisición de valores e hábitos saudábeis desde a infancia, así como a satisfacción de esixencias sociais pola que deben velar os poderes públicos e polo feito de non dispoñer de medios propios para desenvolvelo.
Desde o BNG reclámase, máis unha vez, que debía ser a Xunta de Galiza quen se fixese cargo da súa xestión mais, mentres iso non acontece, o Concello é o responsábel de ofrecer un proxecto educativo cun modelo de cociña de proximidade e a aposta polos produtos locais e de tempada. E todo iso debe facerse co tempo suficiente para que o servizo non fique en precario, situación en que leva a licitación actual desde xaneiro do presente ano.
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego levou ao Pleno do mes de outubro 2021 unha interpelación para coñecer cando tiña previsto o Goberno local publicar a licitación do que será o novo contrato do servizo de comedores escolares. No mes de xullo de 2021 aprobouse unha moción para que se estabelecese unha planificación, en diálogo coas ANPA, para incluír no prego do contrato un novo modelo de comedores.
Para o BNG, dar o servizo de comedores nos centros públicos cun modelo diferente ao actual é unha prioridade; por iso trasladou ao Pleno diversas iniciativas para que a Concellaría de Educación as tivese en conta e para comunicarlle ao concelleiro que o tempo se lle viña enriba e que a licitación non pode estar sen contrato. Para o BNG non se pode permitir que este servizo mingüe nas prestacións cando se trata de crianzas e da súa alimentación.
Así, o BNG advirte de que o curso escolar 2022/2023 comeza o día 8 de setembro e a licitación deste contrato pode levar, como mínimo, catro meses respectando os prazos de presentación de ofertas e da formalización do contrato.