CENTROS SOCIOCULTURAIS

O BNG advirte do recorte do 50% da oferta de prazas de actividades dos centros socioculturais do rural para este curso

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Goretti Sanmartín cuestiona o desmantelamento dos contidos en vez de incrementalos para afondar na cohesión territorial e na igualdade de oportunidades

O BNG advirte do recorte do 50% da oferta de prazas de actividades dos centros socioculturais do rural para este curso

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2021.-  A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, advirte da discriminación existente nos centros socioculturais do rural, onde o Goberno local do PSOE reduciu á metade as prazas para este curso 2021/2022 e reclamará que se manteña a oferta pública habitual. “Isto é un tema máis co que Bugallo quere acabar co rural de Santiago de Compostela”, sinalou.

“No BNG vimos de recibir queixas e o descontento de numerosas persoas usuarias dos centros socioculturais do rural que non van ter oportunidade de realizar actividades neste curso que comeza polos recortes aplicados polo Goberno de Sánchez Bugallo, totalmente discriminatorios coas parroquias do rural de Santiago de Compostela”, explicou Goretti Sanmartín.

De feito, das 818 prazas en actividades que se programaron o curso pasado, en plena pandemia, só se manteñen 424 para este que comeza, unha redución próxima ao 50% que vai provocar que moitas persoas teñan que procurar alternativas privadas para o lecer ao carecer de oferta pública municipal descentralizada. En Aríns, por exemplo, pásase de 45 a 0 prazas; en Laraño, de 83 a 20; en Villestro de 85 a 44; na Gracia de 98 a 50 e en Nemenzo de 24 a 6 prazas nas actividades anuais, cando hai demanda en cada un destes centros.

Desaparecen, ademais, “actividades fundamentais cunha importante demanda como baile tradicional e pandeireta”, indicou a portavoz nacionalista en Raxoi.

“Isto representa, na práctica, un desmantelamento dos contidos da rede de centros socioculturais de Santiago de Compostela no rural, en vez de incrementalos para afondar na cohesión territorial e na igualdade de oportunidades”, advertiu.

 

O BNG advirte do recorte do 50% da oferta de prazas de actividades dos centros socioculturais do rural para este curso