CAMPAÑA DA LUZ
O BNG fai un chamamento a participar na concentración deste domingo contra a suba do prezo da luz
Goretti Sanmartín destaca a alta receptividade a esta campaña contra o incremento do prezo da electricidade
Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2021.- O BNG prosegue coa campaña de recollida de sinaturas contra a suba do prezo da luz e instalou unha mesa informativa na praza de abastos de Santiago para apoiar e facer un chamamento á concentración deste domingo 19 de setembro ás 11:30 na praza Roxa, convocada pola CIG. Esta tarde, a mesa estará instalada na praza Roxa para as persoas que desexen achegarse a participar.
En declaracións aos medios, Goretti Sanmartín, portavoz do BNG de Santiago, cualificou de “absoluto escándalo” a suba do prezo da luz nos últimos tempos. “Se hoxe o prezo da luz está nos 188 euros/megavatio de media, hai un ano estaba nos 51 euros; practicamente supón un incremento do 300% anual e un 33% semanal con respecto aos 140 euros do xoves pasado e isto parece que vai continuar así”, advertiu.
“Os gobernos non fan nada para tomar medidas eficaces que eviten que unhas cantas empresas consigan beneficios millonarios mentres temos que pagar estes prezos desorbitados por este consumo”, explicou, “nun país como Galiza que é excedentario de enerxía e que, por tanto, debería de ter unha tarifa eléctrica galega e ser compensado por ser produtor de electricidade”. Moito máis nun país onde hai pensións moi baixas e nun lugar como Santiago de Compostela con moita poboación maior e con sectores especialmente afectados pola crise derivada da pandemia, engadiu.
“A veciñanza de Santiago de Compostela debe saír e arroupar esta protesta pola suba escandalosa do prezo da luz que nin o PP nin o PSOE queren resolver, nin no Goberno da Xunta nin do Estado, para que unha situación en que o BNG pon unha serie de solucións enriba da mesa para que se apliquen”, sinalou.
Destacou tamén que hai “unha receptividade enorme a esta campaña”, con moitas persoas que se achegan a asinar e a pedir información ante o incremento dos recibos de electricidade nos últimos meses.