PLENO
O BNG reclamará no Pleno a redución do recibo de Viaqua ante o gasto xerado de comprar auga embotellada e as molestias causadas
Preguntará tamén polas posíbeis sancións á empresa concesionaria da auga e á explotación gandeira que provocou a contaminación
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2021.- O BNG trasladará ao Pleno de setembro unha iniciativa sobre a vertedura que afectou á rede de abastecemento de auga en Compostela, co fin de que o Goberno local lle reclame á actual empresa concesionaria Viaqua unha redución dos recibos da auga ás persoas usuarias polos problemas ocasionados e o gasto xerado de comprar auga embotellada, ante a turbidez, mal olor e exceso de cloro da subministrada na traída.
“Ante a grave vertedura que afecta á subministración de auga potábel desde o xoves 9 de setembro na comarca de Compostela, é necesario solicitar maior transparencia, control e sancións por parte da Xunta para solucionar esta crise e evitar que poidan repetirse a contaminación aos nosos ríos, regatos e mananciais con medidas destinadas a protexer un ben básico como é a auga”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.
Na iniciativa do BNG instarase ao Goberno local a esixir da Xunta e da empresa concesionaria Viaqua responsabilidades pola demora en informar e actuar, ante un problema de tal magnitude, do que puido provocar unha maior catástrofe ambiental de entrar auga contaminada na rede de abastecemento de auga potábel de Santiago, Ames e Brión; e proporá que se reclamen axudas para un plan de rexeneración da flora e da fauna danadas polas verteduras, indicou.
O BNG propón, ademais, reclamarlle á actual empresa concesionaria Viaqua unha redución dos recibos da auga polo incremento de residuos de plástico xerado ao comprar a veciñanza ese volume de botellas e garrafas para o consumo.
“Resulta fundamental que o Goberno local faga públicas as analíticas da calidade da auga e a presenza/ausencia de bacterias coliformes na ETAP, xunto con información para saber se se realizaron estas análises na auga das vivendas en diversos puntos da cidade e de xeito periódico para saber o alcance da contaminación”, advertiu.
Reclamará tamén información sobre se o Goberno local vai sancionar a empresa concesionaria por permitir que entrase auga con altos niveis de turbidez, mal olor e exceso de cloro (ou mesmo bacterias coliformes, de ser o caso) na rede de subministro das vivendas, xunto con saber se vai ter en conta os erros producidos pola actual empresa concesionaria á hora de elaborar os pregos e adxudicar o concurso deste servizo municipal.
O BNG quere saber se o Goberno local vai habilitar un plan alternativo para a subministración de auga noutro depósito e se vai esixir un protocolo e un seguimento continuado para evitar o risco de novas filtracións coas chuvias dos vindeiros meses.