OBRAS
O BNG advirte dos problemas da recepción “parcial e provisional” das obras dos Concheiros
“Non se aproveitou este longo tempo para facer un plan de mobilidade da zona”, explica Goretti Sanmartín
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2022.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, quere advertir da maneira que ten o grupo de Goberno local do PSOE de dar por concluídas as obras dos Concheiros, de xeito parcial e provisional. “Fai unha recepción parcial cando a empresa nin sequera remata a obra, ten numerosos incumprimentos e está pendente de sancións por penalidades por non cumprir os prazos en diversas ocasións”, explicou, “e agora abandona a obra e para asumir a brigada de obras municipal o resto do que fica por concluír”.
Así, o BNG vai preguntar no Pleno canto vai custar finalmente esta obra dos Concheiros, que ten aínda moitos problemas e incógnitas para a veciñanza. “Non se aproveitou este longo tempo para facer un plan de mobilidade e dar a coñecer a previsión para circular, posto que no proxecto inicial figuraban 6 metros de ancho e que no resultante eses 6 metros non existen, o que supón un problema”, indicou.
Ademais, que se pense en colocar bolardos é algo contraditorio co espírito dunha obra que pretendía ser accesíbel, de maneira estética e paisaxística. É unha contradición que vaian instalar bolardos e xardineiras, concibidas como obstáculos, para evitar que os vehículos invadan espazo peonil porque agora non hai superficie suficiente para o tránsito, sinalou.
O BNG tamén estima necesaria unha reforma da iluminación, “independentemente de que as catenarias poidan ser unha opción estética, hai que instalar máis focos para que realmente haxa luz, xa non se cumpren para nada as condicións de seguranza, especialmente para as mulleres e as persoas con dificultades de mobilidade”.
Por todo isto, anunciou que o BNG levará unha iniciativa ao Pleno “para solicitar explicacións e propostas de mellora para unha obra que ten unha recepción parcial e que entendemos que non está ben concluída”.