MOBILIDADE
O BNG advirte de que o eixo de mobilidade sostíbel “será inútil ao desbotar o itinerario máis curto para uso de bicicletas”
“Desde a Xunta escúdanse nos prazos para non facer un itinerario viábel, directo e seguro, ademais de non protexer a flora silvestre ameazada”, explica Goretti Sanmartín
Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2023.- O BNG advirte de que o proxecto do eixo de mobilidade sostíbel en Santiago de Compostela, que vén de rexeitar boa parte das alegacións presentadas será “inoperativo e non cumprirá os obxectivos porque a Xunta, ao insistir en manter ese trazado, desbota o itinerario máis curto entre o Milladoiro, a estación intermodal e o centro de Compostela e opta por afastalo das zonas urbanas, ademais de non conectar os barrios nin articular a cidade”. “Isto fará inviábel que as persoas que queiran ir en bicicleta a traballar ou estudar usen ese itinerario que dá un rodeo e con pendentes moi pronunciadas para ir ao Politécnico, á USC ou ao CHUS, como exemplos”, sinala Goretti Sanmartín, portavoz municipal.
Segundo a resposta ás alegacións do BNG, a Xunta estima que “o emprego das rúas dentro do núcleo urbano da cidade xa sería posíbel na actualidade, xa que a limitación a 30km/h permite a circulación de bicicletas e vehículos de mobilidade persoal (VMPs) pola calzada, pero non se consegue unha alta porcentaxe de captación deste tipo de persoas usuarias, debido en parte á sensación de inseguranza que dá o compartir o itinerario con altas intensidades de vehículos a motor”. Deste xeito, a Xunta recoñece o problema actual e non achega solucións para ofrecer esa seguranza que precisan as persoas que usan a bicicleta, como debera corresponder a este proxecto para facelo útil e gañar en mobilidade sustentábel.
Ademais, sinala o documento de resposta das alegacións que, en calquera caso, a integración do itinerario coa rede urbana será un proceso progresivo e dificilmente abarcable nunha soa actuación, dados os prazos estabelecidos para actuacións financiadas con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR).
“Desde a Xunta escúdanse nos prazos para non facer un itinerario viábel e seguro, como demanda o BNG”, e indican que “ante a imposibilidade de xestionar a curto prazo a transformación da estrada SC-20 para a implantación dun carril bici, a alternativa deseñada é a única viábel tendo en conta a orografía, as infraestruturas e os asentamentos existentes entre O Milladoiro e a cidade de Santiago”.
Con respecto á presenza nese itinerario das plantas Dryopteris guanchica e Narcissus cyclamineus, incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial e no Catálogo Español de Especies Ameazadas, indican “que se procederá ao balizado da zona, para preservalas de danos innecesarios” e estiman “a posibilidade de transplante”. Neste sentido, o BNG estima que esas medidas son improcedentes e inaxeitadas para a conservación desas especies no seu emprazamento natural e calquera técnico de Conservación da Natureza da Xunta debería terllo advertido á empresa encargada da redacción do proxecto para evitar a súa destrución.