MOCIDADE

Goretti Sanmartín: “O BNG está en contra de destinar a Casa da Xuventude a usos administrativos da Deputación da Coruña”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Advirte do escurantismo do alcalde e do presidente da Deputación da Coruña para asinar un convenio de 1,3 millóns de euros nas vésperas electorais

Goretti Sanmartín: “O BNG está en contra de destinar a Casa da Xuventude a usos administrativos da Deputación da Coruña”

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2023.- O BNG está en contra do destino que pretende o PSOE para a Casa da Xuventude que anunciaron o alcalde de Santiago de Compostela e o presidente da Deputación “con total escurantismo sen contar coa veciñanza, co asociacionismo compostelán nin cos demais grupos políticos”. Mais unha vez, “Bugallo fai propostas electoralistas de costas ao conxunto da poboación”, advertiu Goretti Sanmartín.

Anunciar a cesión da Casa de Xuventude por un período de 25 anos sen que antes dese acordo se falase na xunta de portavoces ou que se levase a un debate no propio Pleno significa unha forma de actuar unilateral, opaca e autoritaria. Unha operación destas características tería que ser cando menos dialogada senón consensuada coa maioría da Corporación. “E estamos diante dun goberno en minoría que só funciona con base no ordeno e mando”, advirte.

“A opción de colaboración con outras administracións non pode furtar un espazo social para os colectivos de maneira preferente, que teña uso en beneficio da veciñanza e do asociacionismo en Santiago de Compostela”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.

Trátase dun orzamento que supera os 1.346.000 e, como é habitual nos convenios coa Deputación da Coruña, sería financiado nun 74% polo ente provincial e un 26% polo Concello de Santiago e, por tanto, serían 349.960 euros para esta renovación para ter un edificio administrativo multiusos da Deputación da Coruña.

“O importante para o BNG é preservar a función da Casa da Xuventude para desenvolver actividades de colectivos sociais nun espazo céntrico en caso de que se opte por manter as instalacións”, engadiu.

Goretti Sanmartín: “O BNG está en contra de destinar a Casa da Xuventude a usos administrativos da Deputación da Coruña”