ENSINO

O BNG propón ampliar o contrato de comedores ás escolas unitarias do Gaioso, do Rial e de Bispo Teodomiro

Goretti Sanmartín Rei
Goretti Sanmartín Rei

“Trátase de facilitar a conciliación familiar e laboral das persoas que residen no rural compostelán para darlle continuidade a este sistema de educación infantil”, explica Goretti Sanmartín

O BNG propón ampliar o contrato de comedores ás escolas unitarias do Gaioso, do Rial e de Bispo Teodomiro

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2023.- O BNG traslada ao Pleno a necesidade de ampliar o contrato de comedores e servizos de madrugadores para as escolas unitarias O Gaioso, no Eixo; a do Rial, en Laraño; e o de Bispo Teomiro, en Marrozos, para facilitar a conciliación e garantir a igualdade de oportunidades ás familias do rural compostelán.

En Santiago de Compostela existen tres escolas unitarias, como son a escola de educación infantil O Gaioso, no Eixo, que leva desde 1808 en activo; a do Rial, en Laraño; e a de Bispo Teomiro, en Marrozos.

Estes tres centros procuran a creación do Centro Rural Agrupado Compostela (CRA Compostela), para o que precisan cubrir o número mínimo de matrículas e apoio institucional, co fin de manter este sistema escolar que favorece o apego ao territorio de nenos e nenas en idade infantil.

“Unha das medidas que pode facilitar a súa continuidade é que esta rede de escolas unitarias se acolla ao servizo de madrugadores e comedores escolares, co obxectivo de facilitar a conciliación familiar e laboral das persoas que residen no rural compostelán e de impulsar este sistema de educación infantil”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.

Estas escolas son centros de referencia no que ten a ver co seu modelo educativo e coa función social que desenvolven no ámbito rural. Dispoñen dun modelo educativo mediante a aprendizaxe colaborativa, con aulas multigrao onde o alumnado convive no proceso de adquisición de coñecementos. Nestas escolas, o proceso educativo pon tamén o foco nas necesidades de apoio emocional, tanto para o alumnado como para as familias, nomeadamente na etapa de adaptación.

Trátase, en definitiva, de unitarias que traballan cun modelo educativo de vangarda, con metodoloxías activas en que o contexto educativo e o respecto polo ambiente son piares estratéxicos do enfoque pedagóxico, polo que o Concello de Santiago debe velar polo seu mantemento, para garantir a igualdade de oportunidades con medidas que faciliten a conciliación laboral e familiar como son os servizos de madrugadores e de comedores escolares.

 

O BNG propón ampliar o contrato de comedores ás escolas unitarias do Gaioso, do Rial e de Bispo Teodomiro