PLENO
Goretti Sanmartín: “A construción do Conservatorio de Danza en Compostela vai potenciar o desenvolvemento artístico, económico e laboral”
O BNG mantivo un encontro con representantes da Plataforma para o Conservatorio de Danza, que piden unha declaración institucional para impulsar este centro
Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2023.- O BNG mantivo un encontro con representantes da Plataforma para o Conservatorio de Danza para apoiar unha declaración institucional que impulse esta infraestrutura nova que necesita Compostela ante a demanda existente para incrementar a actual oferta formativa de danza.
Na reunión estiveron Goretti Sanmartín e Fernado Lacaci, que integra a candidatura do BNG, e Berta Secall e Lupe Carballo. Por parte do BNG confirmaron o compromiso de impulsar a construción e posta en marcha dun Conservatorio de Danza en Santiago de Compostela, algo que o BNG defendeu desde o primeiro momento.
Ademais, acordaron que o Concello de Santiago faga unha declaración institucional de apoio á construción do Conservatorio de Danza de xeito inmediato “e desde o BNG emprazamos o candidato do PP e tamén deputado no Parlamento galego a que consiga o compromiso da Xunta, que se mide en orzamentos, prazos e localización prevista para que poida ser unha realidade”, explicou Goretti Sanmartín. Cómpre ter en conta que Borja Verea votou en contra dunha emenda do BNG para incluír nos Orzamentos da Xunta de 2023 este proxecto.
Para o BNG, o emprazamento idóneo é á beira do Conservatorio de Música para que estes dous espazos creen sinerxías de actividades e que se poidan acometer as obras a un tempo, tanto a da necesaria reforma para ampliar o Conservatorio de Música como a construción do novo Conservatorio de Danza nun espazo que pode ser un punto de referencia para o alumnado e profesorado que queira facer estes estudos na capital de Galiza, onde existe unha alta demanda.
A construción do Conservatorio de Danza en Santiago de Compostela vai potenciar o desenvolvemento artístico, económico e laboral e, para iso, lembraron que precisa a concreción de prazos, orzamento e localización. Coa proposta do BNG de situalo á beira do Conservatorio de Música, pódese aproveitar a diferenza de cota para incluír as prazas de aparcamento existentes na zona. Este emprazamento ten de interese que a construción leve aparellada a colaboración co Conservatorio de Música, con fins comúns e para que no propio desenvolvemento construtivo da infraestrutura dispoña de espazos compartidos.