PLENO

Goretti Sanmartín insta a retirar o proxecto de reurbanización de Castrón Douro e Sar para consensualo coa veciñanza

Goretti Sanmartín na sala de prensa de Raxoi
Goretti Sanmartín na sala de prensa de Raxoi

Cuestiona que se tomen decisións desta importancia a dous meses das eleccións “sen consenso técnico, político nin veciñal”

Goretti Sanmartín insta a retirar o proxecto de reurbanización de Castrón Douro e Sar para consensualo coa veciñanza

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2023.- A portavoz municipal do BNG de Santiago, Goretti Sanmartín, insta a deixar enriba da mesa o proxecto de reurbanización de Castrón Douro e Sar por non facer caso dos requirimentos técnicos que xulgan que o proxecto inicial melloraba o actual e non falar previamente coa veciñanza sobre uns cambios que prexudicarán o conxunto do barrio.

Na Comisión de Patrimonio do pasado 7 de marzo, Goretti Sanmartín pediu que se deixase sobre a mesa o proxecto da segunda fase da reurbanización de Castrón Douro e Sar para solicitar que se analizase a posibilidade de retomar o proxecto orixinal que, entre outras cuestións, baixaba a rasante para achegala ao nivel das casas, tal e como era o antigo trazado, e creaba espazos de socialización para a veciñanza. “Houbo un acordo unánime en que así se fixese, coa petición expresa de que se falase coas persoas afectadas”, explicou.

Sen recibir a veciñanza afectada

Mais esa mesma fin de semana, antes de estabelecer ningún diálogo, o concelleiro de Obras anunciaba publicamente de xeito propagandístico a realización das obras antes de que o informe volvese a Patrimonio e de recibir veciñxs que solicitaran unha xuntanza. O sábado seguinte á xuntanza da Comisión e, por tanto, carecendo do informe preciso, o Goberno local enviaba unha nota aos medios dando por feito que a actuación se ía desenvolver da maneira en que se solicitou desde Obras “sen atender as consideracións que se lle fagan desde a área de Urbanismo”.

Este proxecto volve a estar na orde do día da Comisión de Patrimonio, tan só 15 días despois, sen recibir veciñxs que solicitaron unha entrevista nin estudar a fondo mesmo se pode haber solucións intermedias que melloren unha proposta de obra que nace xa con importantes eivas. “Imponse o aquí ordeno e mando de maneira arbitraria para tentar licitar unha obra en tempo de desconto e condicionar a actuación do próximo goberno”, sinalou. “Despois de 4 anos non se entenden as présas para que o proxecto teña que saír xa e desta maneira”, engadiu.

Ademais, o goberno local non pode “utilizar a escusa” de carecer do orzamento necesario para desenvolver a obra no seu proxecto inicial, un feito que suporía un incremento duns 150.00 euros que ben poden achegarse con cargo aos remanentes de tesouraría de 2022.

Catro anos sen tomar decisións

“Mais, no fondo, o que agocha é a súa ineficacia, pois leva catro anos sen tomar ningunha decisión nin avanzar na obra e agora chéganlle as urxencias electorais”, advertiu. Mais a xente de Sar, unha vez que aguantou tanto tempo cunha vía en pésimas condicións, prefire agardar algo máis e que o proxecto responda ás necesidades tanto de accesibilidade como de protección contra as inundación e de humanización e posta en valor das importantes rehabilitacións que se veñen facendo. Mesmo pode parchearse a estrada, como tantas veces se fixo, eliminando de xeito provisional as fochancas, e dedicar o tempo que sexa preciso a que se dean as condicións técnicas e orzamentarias precisas para que a obra sexa útil e de longa duración.

“Se o goberno non quere ter un barrio de Sar mobilizándose contra o deseño que se impón de xeito unilateral desde a Concellaría de Obras, igual que o tivo, por diferentes temas, nos Concheiros, en Brandia ou en Mallou, debe deixar este expediente sobre a mesa, recibir a veciñanza afectada e recoñecer a importancia das recomendacións que se lle fan desde a Comisión de Patrimonio”, indicou.

Ademais, anunciou que o BNG levará este tema ao pleno e solidarizarase coa veciñanza nas súas xustas reivindicacións. “Non é de recibo que se tomen decisións desta importancia a dous meses das eleccións sen consenso técnico, político nin veciñal”, advertiu a portavoz municipal.

Goretti Sanmartín insta a retirar o proxecto de reurbanización de Castrón Douro e Sar para consensualo coa veciñanza