RURAL

Goretti Sanmartín: “O BNG aposta por un rural produtivo, con facilidades para vivir e con servizos públicos de calidade”

Sinatura do Pacto polo rural, 2023
Sinatura do Pacto polo rural, 2023
O goberno local socialista esqueceu o contido do Pacto polo rural e non dedicou o 1% do seu orzamento a rebaixar esa fenda entre rural e urbano
Goretti Sanmartín: “O BNG aposta por un rural produtivo, con facilidades para vivir e con servizos públicos de calidade”

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2023.- A portavoz municipal do BNG de Santiago, Goretti Sanmartín, cualificou como “un día de celebración” a sinatura do Pacto polo rural. O BNG aposta por un rural produtivo, con facilidades para vivir unha vida digna e servizos públicos de calidade. “Dicía Otero Pedraio que Santiago era a aldea máis grande da Galiza”, indicou na súa intervención, “esta grande aldea capital do país merece moito máis, un novo modelo de políticas coas persoas e o territorio no centro como as que defende o BNG”.

“Só con nomear os 90 núcleos rurais que carecen de servizo de abastecemento e/ou de saneamento é suficiente para comprobar a marxinación do rural, mais poderiamos falar das dificultades para vivir, ter transporte colectivo, seguranza viaria, boa iluminación ou para poñer un negocio que dinamice a contorna”, indicou na súa intervención. Por non falar dun patrimonio “esquecido e abandonado” que sobrevive grazas a quen vive no territorio e que o valora. Destacou tamén os problemas para unha poboación moi envellecida nun rural en que habitan case 15.000 persoas, case un 15% da poboación.

“Levamos anos escoitando falar do Pacto polo rural, da fixación dunha serie de prioridades nunha planificación plurianual que contribúa a reducir a súa discriminación histórica”, explicou. Desde 2016, en convocatorias realizadas desde a Federación de Asociacións do Rural de Santiago (FERUSA), Goretti Sanmartín asistiu en representación do BNG a xuntanzas para consensuar un texto que servise de guía. O documento estivo preparado en 2019 e nesa campaña electoral formou parte de iniciativas e debates, porén, nestes anos o goberno local socialista esqueceu o seu contido e non dedicou o 1% do seu orzamento a rebaixar esa fenda. Sinalou tamén que as necesidades do rural non estiveron nas xuntanzas da Alcaldía cos presidentes da Xunta.

Ademais, na súa intervención recordou que o BNG presentou en 2021 unha proposición de apoio ao Pacto polo rural, que se aprobou por unanimidade, cun acordo explícito para que o Goberno local aplique as medidas contidas nese documento a que se comprometeron en 2019 todos os grupos políticos coa FERUSA.

“A pouco máis de dous meses para as eleccións, a FERUSA chama novamente á nosa porta e solicita que se asine con luz e taquígrafxs o Pacto polo rural, para que desta vez non haxa equívocos nin trasacordos”, explicou, “e o BNG comprométese a desenvolvelo no vindeiro mandato municipal coa busca de fondos necesarios en colaboración con outras administracións”.

Goretti Sanmartín: “O BNG aposta por un rural produtivo, con facilidades para vivir e con servizos públicos de calidade”