SANIDADE
O BNG reclama no Parlamento a contratación de máis persoal en Oncoloxía polas demoras que sofren pacientes no tratamento
A falta de profesionais provoca atrasos para recibir a quimioterapia, nas revisións e nos diagnósticos
Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2023.- O BNG traslada ao Parlamento unha batería de iniciativas para reclamarlle á Xunta que incremente o cadro de persoal do servizo de Oncoloxía Médica do CHUS, coas novas contratacións que sexan oportunas. Tamén reclama unha mellor planificación da actividade asistencial para garantir o benestar laboral do persoal sanitario e a calidade da atención que reciben as pacientes ante as demoras nas probas diagnósticas e no tratamento, tendo en conta que o cancro é unha das patoloxías máis sensíbeis a nivel poboacional e que o funcionamento deste servizo ten unha repercusión vital.
Doentes da área sanitaria de Santiago e do Barbanza levan meses denunciando a súa situación: citas de revisión que foron adiadas, demoras nas probas diagnósticas de control e estadiaxe ou incluso dificultades á hora de recibiren os tratamentos. “Son moitas as queixas pola espera que teñen que padecer para poder recibir o tratamento intravenoso no propio día en que son citadas, que vén motivada pola falta de persoal para a asistencia, nomeadamente de enfermaría, provocando que moitas pacientes teñan que agardar horas para recibir a quimioterapia, co agravante que supón para as que residen máis afastadas de Compostela”, explica a deputada do BNG Iria Carreira.
Tamén estas demoras se producen á hora de recoller tratamento oral, “cun persoal de farmacia completamente desbordado e que provoca esperas de varias horas para esta recollida de medicación”. Tamén cómpre destacar que os colapsos que se dan noutros ámbitos teñen repercusión, coma a demora para as probas diagnósticas de imaxe, que provoca que estas revisións non sexan realizadas moitas veces atendendo a periodicidade establecida clinicamente, senón que se lle acumule o atraso por estas listas de espera.
“A sanidade pública galega atópase nunha situación de extrema gravidade”, explica Iria Carreira. “Se ben a Atención Primaria é quen máis está a padecer os anos de recortes orzamentarios acumulados que vén realizando o Partido Popular, e que se traducen en cadros de persoal exiguos e recursos materiais limitados, tamén vemos como esa política sanitaria ten repercusións claras sobre os servizos hospitalarios”, engadiu. Os colapsos dos servizos de urxencias ou as listas de espera para consultas hospitalarias desbordadas, son dous exemplos desta situación.
Neste sentido, acumúlanse as queixas de profesionais e pacientes, tanto pola sobrecarga laboral que soportan os primeiros, como pola afectación que esta situación ten sobre a súa saúde e a súa calidade de vida en ambos os colectivos.