LAVACOLLA

Goretti Sanmartín reúnese coa veciñanza da Lavacolla e comprométese a consensuar o Plan especial do Camiño francés

Encontro coa veciñanza da Lavacolla
Encontro coa veciñanza da Lavacolla

No encontro participou un cento de persoas que reclamaron  o mantemento de espazos públicos e melloras no transporte urbano

Goretti Sanmartín reúnese coa veciñanza da Lavacolla e comprométese a consensuar o Plan especial do Camiño francés

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2023.- A portavoz municipal Goretti Sanmartín mantivo un encontro con veciñanza da Lavacolla, e comprometeuse, a partir do 28 de maio co BNG no goberno municipal, a consensuar o Plan especial do Camiño francés e a buscar fondos para destinar a axudas para vivendas e negocios no ámbito de actuación da Lavacolla.

No encontro, ao que asistiu un cento de persoas, tamén estiveron membros da candidatura do BNG que atenderon as demandas de falta de saneamento, de coordinación dos autobuses e de recollida de residuos, entre outros temas.

Goretti Sanmartín explicou as últimas iniciativas que trasladou o BNG ao Pleno relativas ao Plan especial do Camiño francés, ás necesidades de reordenación do tráfico fronte ás instalacións de Correos, sobre a necesidade de cambiar o proxecto de acondicionamento da antiga N-634 para rebaixar a rasante á altura das vivendas e sobre a falta de mantemento de espazos públicos.

Entre outras medidas, o BNG conseguiu aprobar unha proposición, coa abstención do PSOE, para paralizar o procedemento do Plan especial director de ordenación e rehabilitación do Camiño Francés de Santiago (PE-3) e abrir un proceso de diálogo coa veciñanza da Lavacolla para desenvolver un plan consensuado coa poboación residente. Tamén se inclúe un punto para crear unha Oficina de apoio e asesoramento para rehabilitación cunha partida específica no orzamento dese plan e crear unha liña de axudas que conte cunha importante dotación destinada ás vivendas e negocios no ámbito de actuación da Lavacolla. Outro punto desa iniciativa vai destinado a dotar economicamente, coa captación de fondos doutras administracións, a mellora do saneamento na parroquia da Lavacolla. Deste xeito, comprometeuse a levar adiante estas propostas a partir do 28 de maio co BNG no goberno municipal.

 

Goretti Sanmartín reúnese coa veciñanza da Lavacolla e comprométese a consensuar o Plan especial do Camiño francés