LINGUA

O BNG anima a celebrar o Día das Letras coa plataforma Queremos Galego

Manifestación de Queremos Galego de 2019
Manifestación de Queremos Galego de 2019
Dirixiuse á Academia Galega para lle transmitir a petición de que o 2021 sexa tamén oficialmente considerado como Ano Carvalho Calero
O BNG anima a celebrar o Día das Letras coa plataforma Queremos Galego

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2020.- O BNG de Santiago apoia as iniciativas da Plataforma Queremos Galego para celebrar o Día das Letras Galegas como unha xornada de reivindicación baixo o lema “Precisamos do galego: xustiza, igualdade e cohesión” ademais de contribuír a dar a coñecer a obra e a traxectoria de Ricardo Carvalho Calero, autor homenaxeado nesta edición moi vinculado a Santiago de Compostela.

Conscientes da situación excepcional en que se desenvolve este ano o Día das Letras Galegas, o BNG dirixiuse formalmente á Academia Galega, na mesma liña que outras organizacións e entidades culturais e de defensa da lingua, para lle transmitir a petición de que o 2021 sexa tamén oficialmente considerado como Ano Carvalho Calero.

Deste xeito, o BNG anima a pendurar o 17 de maio a bandeira galega nas xanelas, a colorear cartaces dispoñíbeis para nenos e nenas en www.queremosgalego.gal e a difundir mensaxes, vídeos e audios nas redes sociais coa utilización dos cancelos #PrecisamosDoGalego #QueremosGalego e #EuFaloGalego

O BNG aproveita esta data para emprazar a que os membros do Goberno galego respecten a lexislación vixente e empreguen a lingua galega en todas as súas manifestacións públicas, nomeadamente o presidente da Xunta.

Tamén é necesario restituír o orzamento recortado durante os últimos anos, co incremento das partidas dirixidas á defensa e promoción da lingua galega que dispoñen de 8,5 millóns de euros fronte aos 23 millóns do orzamento da Xunta de 2008, ademais da consignación precisa para implementar a Lei Paz Andrade. Reclama ademais que a Xunta de Galiza adopte medidas económicas extraordinarias para apoiar o sector da cultura e do libro en galego.

O BNG defende derrogar o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza e elaborar un novo marco lexislativo que conte co consenso das forzas políticas parlamentarias. Este decreto prohibe dar certas materias como Ciencias, Tecnoloxía e Matemáticas en galego e fúrtalle á mocidade a posibilidade de adquirir coñecementos neste idioma e, polo tanto, incumpre co mandato de garantir que o alumnado adquira o mesmo nivel de competencias nas dúas linguas oficiais.

O BNG anima a celebrar o Día das Letras coa plataforma Queremos Galego