PLENO
O BNG traslada ao Pleno o Plan para a revitalización cultural
Santiago de Compostela, 18 de maio de 2020.- O BNG trasladará unha proposición ao Pleno para que o Concello de Santiago de Compostela poña en marcha un plan de revitalización cultural consensuado co sector para afianzar a programación artística e contribuír a garantir a súa viabilidade empresarial e o dereito cidadán de participar destes eventos adaptados ao contexto das consecuencias da pandemia do coronavirus.
O BNG xa fixo as primeiras propostas sobre cultura o 28 de marzo e presentoulle á Alcaldía o 5 de maio un documento co plan de revitalización do sector cultural contrastado con diversas empresas, artistas e programadores culturais que foi enviado tamén aos demais grupos municipais.
“O sector cultural é unha peza clave na dinamización da economía de Santiago de Compostela”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG. “Estamos a falar dun sector que representa o 5,2% do PIB en Santiago, onde hai 2.307 persoas afiliadas á Seguridade Social no sector cultural e son 494 as empresas culturais que teñen a súa sede nesta cidade, segundo o último Informe Anual da Cultura”, engadiu.
Este plan consensuado co sector inclúe, entre outras, medidas para o compromiso de reprogramación de actividades e a descentralización das actividades en colaboración con outras administracións.
O documento propón tamén a convocatoria de axudas ao sector cultural, para profesionais e asociacións, co pagamento anticipado de gasto nun 70% o 30% restante cando se desenvolvan as actividades.
Ademais, é necesaria a transversalidade entre cultura, turismo, comercio, ensino e sanidade para favorecer as sinerxías entre esas áreas coa contratación cultural, ademais dunha campaña de seguranza e promoción de salas de cine, museos, teatro, música, galerías de arte e artesanía.
En canto á difusión cultural, propón a divulgación do legado de Carlos Maside, que actualmente está no Pazo de Bendaña, así como un programa de actividades sobre Carvalho Calero e o Grupo Nós.
Outra das medidas vai na liña de fomento e animación á lectura, con apoio ás librarías mediante a creación dun bono familiar para compra de publicacións, axudas a editoriais, festivais e feiras do libro, que deberán ter novas datas para a organización.
Unha liña específica é a proposta da creación dun bono cultural encamiñado a estimular o consumo e o deseño dunha campaña de captación de públicos e promoción da cultura local e galega.
Na iniciativa que se debaterá no Pleno tamén figura a contratación de empresas do sector cultural compostelán e galego en festas de barrios e parroquias, nas propias festas como o 25 de xullo e na Festa da Primavera, en caso de existiren condicións para se celebraren, e o desenvolvemento dunha programación de animación de rúa para os meses de xullo, agosto e setembro que inclúa a organización da festa do Banquete de Conxo.
Outros apartados van dirixidos a crear roteiros literarios, artísticos e polo patrimonio, co obxectivo de dar a coñecer aspectos culturais de Santiago de Compostela tanto para a veciñanza como para atraer visitantes.
O documento recolle ademais a necesidade de reorientar a programación do Xacobeo, que debe ir enfocado a proxectar a cultura local e galega, e a captación de fondos para o Consorcio e reorientación de programas para favorecer o tecido cultural.