PLENO

O BNG proporá no Pleno o arranxo dos colectores de residuos e unha campaña de sensibilización para mellorar a limpeza

bng
bng
Cómpre depositar o lixo, máscaras e luvas usadas nos lugares correspondentes,  ante o risco de infección que pode supoñer a falta de hixiene en lugares públicos 
O BNG proporá no Pleno o arranxo dos colectores de residuos e unha campaña de sensibilización para mellorar a limpeza

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2020.- O grupo municipal do BNG presentou unha iniciativa para o Pleno co fin de que se realice o arranxo dos colectores de residuos que non teñen en funcionamento os pedais para a súa apertura e unha campaña de sensibilización para depositar o lixo nos lugares correspondentes, que inclúa publicidade do teléfono de recollida de enseres, ante o risco de infección que pode supoñer a falta de hixiene en lugares públicos.

Segundo explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG, durante estes meses de confinamento por causa da covid-19 era frecuente ver o lixo depositado ao pé de colectores que teñen estragado ou non dispoñen de pedal para abrir a tampa. Noutros lugares optouse por deixalos abertos, o que se pode converter nun problema de salubridade e de malos olores cando cheguen os días de máis calor.

Tamén é frecuente ver as bolsas de lixo ao pé de moitas vivendas na Cidade histórica, un problema que se agravou nos últimos anos pese a que en Santiago de Compostela non está en vigor o sistema de recollida porta a porta. “Determinadas rúas despois das 20:00 h. amosan a diario un regueiro de bolsas de lixo que provocan falta de hixiene e decoro”, sinalou.

“Por outra parte, medos e inseguranzas hixiénicas, xunto coa falta de comportamentos cívicos e responsábeis por parte dalgunhas persoas, provocan que aparezan ciscadas no chan con relativa frecuencia luvas e máscaras, ofrecendo unha mala imaxe e constituíndo un problema sanitario”, advertiu Goretti Sanmartín.

 

O BNG proporá no Pleno o arranxo dos colectores de residuos e unha campaña de sensibilización para mellorar a limpeza