O BNG pregúntalle a Bugallo polas xestións realizadas para que o Goberno do Estado asuma parte do financiamento da depuradora
Santiago de Compostela, 14 de maio de 2020.- O grupo municipal do BNG insta o alcalde de Santiago a negociar o convenio para a construción da nova estación depuradora de augas residuais, posto que o último documento non confirma a asignación de fondos europeos e deriva esa parte ao pagamento por parte as arcas municipais, cando se trata dunha obra de interese xeral que debe asumir o Estado.
Deste xeito, Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG en Santiago, trasladará unha pregunta ao Pleno do 28 de maio para coñecer as xestións realizadas polo alcalde para que o Goberno do Estado consigne a parte que lle corresponde nesta infraestrutura e inicie a obra canto antes, co fin de evitar que continúen as verteduras ao río Sar e de intentar cumprir os prazos para manter os fondos europeos.
O BNG xa formulou unha pregunta no Congreso, a través do deputado Néstor Rego, para saber se o Ministerio de Transición Ecolóxica vai asumir o custo do financiamento da estación depuradora de Santiago, ao estar considerada de interese xeral, no caso de que a consignación dos fondos europeos non sexa posíbel polo atraso na tramitación.
No convenio enviado pola Sociedade Estatal Augas das Concas de España (Acuaes) á Xunta de Galiza e ao Concello de Santiago Compostela estabelece que o custo do investido por Acuaes deberá ser devolto polo Concello de Santiago nos seguintes 25 anos, a contar desde que se inicie a explotación da obra. Así prevé que se repercuta ao conxunto da veciñanza a través de taxas e impostos o custo desta obra.
A demora na tramitación debeuse a un cambio no emprazamento da estación depuradora, á que se intentou darlle unha localización distinta á actual por parte do Goberno municipal do PP en 2011 e que CA mantivo até 2017, que aceptou o Ministerio, polo que debe facerse corresponsábel no financiamento, pois é tamén responsábel da demora que provocou a posíbel perda dos fondos europeos previstos para acometer esta obra.