SANIDADE

O BNG anima a participar na concentración para recuperar o sistema sanitario público que convoca SOS Sanidade  

SOS Sanidade Pública
SOS Sanidade Pública

Será o mércores ás 20:00 na praza do Obradoiro

O BNG anima a participar na concentración para recuperar o sistema sanitario público que convoca SOS Sanidade  

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2021.-  A portavoz do grupo municipal nacionalista en Raxoi, Goretti Sanmartín, mantivo un encontro con Xosé Dios e María Xosé Abuín, representantes da plataforma SOS Sanidade Pública, en que trasladou o apoio do BNG á concentración prevista para o mércores 21 de abril ás 20:00 na praza do Obradoiro para reclamar a recuperación do sistema sanitario público galego.

Durante a pandemia da covid-19, suprimíronse consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas, ademais de crear barreiras de acceso aos centros de saúde e ás especialidades hospitalarias, o que está a afectar de xeito negativo á saúde da poboación, sinalou.

A dificultade para comunicar cos centros de saúde e para recibir unha asistencia presencial provoca que a poboación acuda ao sector privado, o que incrementa as desigualdades de saúde. Desde esta plataforma destacan que recuperar a consulta presencial e a actividade normal dos centros de saúde non debe supoñer volver á situación anterior de masificación e medicalización da atención primaria.

Reclaman ademais información transparente da situación da saúde e dos problemas coas vacinas, pois están a crear unha gran preocupación social. De feito, a Xunta aproveitouse desta alarma social para modificar por segunda vez a Lei Galega de Saúde coa finalidade de recortar dereitos e liberdades cívicas fundamentais.

Outra das propostas da plataforma é que os Orzamentos da Xunta e os fondos da Unión Europea deban destinarse a incrementar profesionais, darlles estabilidade laboral e evitar a precariedade, xunto con mellorar as infraestruturas da atención sanitaria e a investigación de saúde.

 

O BNG anima a participar na concentración para recuperar o sistema sanitario público que convoca SOS Sanidade