PLENO

Navia Rivas defenderá no Pleno unha iniciativa para mellorar a calidade de emprego en Compostela e frear a emigración xuvenil

Navia Rivas
Navia Rivas
Propón unha batería de medidas para incidir na diversificación económica, mediante o fomento da industrialización sustentábel para o impulso socioeconómico da capital do país
Navia Rivas defenderá no Pleno unha iniciativa para mellorar a calidade de emprego en Compostela e frear a emigración xuvenil

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2021.-  A concelleira do grupo municipal do BNG Navia Rivas presentou unha iniciativa para mellorar a calidade de emprego en Santiago de Compostela e frear a emigración xuvenil.

Segundo explicou en rolda de prensa, a precariedade laboral provoca falta de estabilidade laboral e vital e está a xerar unha vaga de emigración que afecta, de maneira especial, á mocidade. Na última década están a marchar 20.000 persoas cada ano por falta de oportunidades laborais pese a contar con formación e cualificación profesional especializada.

“Santiago precisa fórmulas que incidan na diversificación económica, mediante o fomento da industrialización sustentábel para o impulso socioeconómico da capital do país”, sinalou, unha problemática que se une á estacionalidade do sector turístico e hostaleiro e que afecta á calidade dos empregos.

Así, incidiu na necesidade de que as axudas públicas para relanzar o comercio e hostalaría vaian ligadas ao mantemento das condicións dos convenios laborais, ao tempo que se busca reducir a precariedade e a economía somerxida. A pandemia empeorou estas situacións de temporalidade, salarios baixos, contratos precarios e horas sen cotizar. “Non pode ser que as axudas públicas non repercutan nos traballadores e traballadoras”, explicou.

“A situación xa era delicada antes da pandemia, e temos denunciado desde o BNG a vixencia aínda das últimas reformas laborais, a pesar de que tanto o PSOE e Podemos a nivel estatal prometeron en numerosas ocasións tombar estas reformas”, advertiu. As reformas laborais provocaron que se facilitasen a contratación por horas e os despedimentos, reducindo a protección de traballadores e traballadoras, o que segue a xerar e a incrementar a inestabilidade laboral. Isto acrecéntase coa acumulación de horas extras moitas veces sen remunerar que se utilizan á libre disposición de empresarios/as e como un instrumento discrecional da xornada, o que xa constitúe un comportamento estrutural que urxe corrixir.

“Como sabemos, a pandemia contribuíu a acentuar as desigualdades e empeorar as condicións laborais”, sinalou. No Estado español un de cada catro menores de 25 anos perderon o seu emprego ou están aínda en ERTE e o 40% están en situación de desemprego, mentres que no rango de maiores de 25 é 1 de cada 10 e o 15,5% están no paro, polo que hai unha clara diferenza xeracional.

“No caso da Galiza esta situación agrávase debido ao xa coñecido problema demográfico que vimos arrastrando nos últimos anos, producido sobre todo pola elevada cifra de mozos e mozas que emigran buscando máis e mellores oportunidades noutros puntos do Estado ou noutros estados de Europa e mesmo fóra do continente”.

Precisamente debido a esta problemática o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) do período 2021-2027 encamiña axudas para paliar o problema demográfico. De feito, Santiago de Compostela ten 13.180 que residen actualmente no estranxeiro, das que 6.844 son mulleres e 6.336 son homes, segundo o Informe “A emigración en cifras” da Xunta de Galiza, á que lle hai que sumar a emigración a outras comunidades españolas. Con data de marzo de 2021 están rexistradas en Santiago de Compostela 6.133 persoas como demandantes de emprego, 3.334 mulleres (54%) e 2.799 homes (46%).

Deste xeito, o BNG proporá no Pleno de abril que se realice unha reserva de contratación para persoas mozas de Santiago de Compostela no Polo de Innovación en Biotecnoloxía da Sionlla, en colaboración coa USC e Uninova.

Reclama tamén que se convoque o Consello municipal da mocidade para buscar alternativas que impulsen a creación de emprego e a estabilidade laboral, de cara a frear a emigración xuvenil e, neste foro, trazar un Plan de Emprego para a mocidade.

Outro punto vai destinado a incluír as medidas preceptivas para que se cumpran os convenios laborais na concesión das convocatorias de axudas públicas aos sectores da hostalaría e comercio, de cara a mellorar as condicións de traballo e evitar a precariedade, ademais de contribuír a combater as horas extras sen remunerar e a economía somerxida existente.

O BNG propón tamén facilitar a organización das mobilizacións do Primeiro de Maio que se organicen en Santiago de Compostela e, por último, instar o Goberno do Estado a solicitar axudas do FEDER destinadas a paliar o problema demográfico de Galiza (e de Santiago en particular) para conseguir investimentos destinados a fixar poboación e evitar a expulsión de profesionais.

 

Navia Rivas defenderá no Pleno unha iniciativa para mellorar a calidade de emprego en Compostela e frear a emigración xuvenil