IMELGA

O BNG cuestiona que o PSOE aprobe a cesión da parcela para o Imelga nas Fontiñas sen diálogo coa veciñanza

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
“Isto só demostra que Bugallo pretende continuar a súa fuxida nun Goberno en solitario sen ningún tipo de consenso veciñanza nin cos demais grupos”, sinala Goretti Sanmartín
O BNG cuestiona que o PSOE aprobe a cesión da parcela para o Imelga nas Fontiñas sen diálogo coa veciñanza

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2021.-  A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, manifestou que “Bugallo deixa de ser o alcalde de Santiago de Compostela e da súa veciñanza para ser o executor das decisións da Xunta de Galiza” en referencia á aprobación en Xunta de Goberno de tramitar, de urxencia, o expediente para ceder a parcela do Imelga nas Fontiñas.

A veciñanza oponse ao emprazamento do Imelga nesta parcela e, de feito, está convocada unha xuntanza para o martes 19 de abril. Goretti Sanmartín lembrou que hai diferentes propostas e iniciativas que se van defender no Pleno, unha delas do BNG, a respecto da posibilidade de que este edificio do Imelga se constrúa noutra zona non residencial, no Polígono do Tambre, perto do tanatorio de Boisaca, “nun lugar que o propio alcalde comentou no Pleno anterior que podería ser un dos espazos dispoñíbeis para que o Imelga se constrúa en Santiago de Compostela”.

Así, sinalou que este Goberno do PSOE é “o da falta de diálogo e colaboración, xa que non se convocan os consellos de participación veciñal e santiagueses e santiaguesas non teñen espazo para construír o concello que queren”.

“Isto só demostra que pretende continuar a súa fuxida nun Goberno en solitario sen ningún tipo de consenso nin aproximación ás outras forzas políticas nin á veciñanza de Santiago de Compostela”, advertiu.

“Aprobar a cesión desta parcela a poucos días do Pleno en que se van debater iniciativas para a busca dunha solución di moito dun xeito de gobernar que a capital de Galiza non merece”, engadiu.

 

 

 

 

O BNG cuestiona que o PSOE aprobe a cesión da parcela para o Imelga nas Fontiñas sen diálogo coa veciñanza