PLENO

O BNG propón que se regule o tráfico nas entradas e saídas do centro escolar situado na avenida de Coimbra

Zona escolar
Zona escolar

A veciñanza trasladou queixas da situación creada a diario ao aparcar coches en beirarrúas, pasos de peóns, parada de autobús e prazas reservadas para diversidade funcional

O BNG propón que se regule o tráfico nas entradas e saídas do centro escolar situado na avenida de Coimbra

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2021.-  A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reclama que o Goberno local revise, cos departamentos correspondentes, a situación do tráfico nos horarios de entrada e saída do Colexio San Jorge de cara á súa regulación e á instalación dos elementos que considere necesarios para garantir a seguranza de escolares e veciñanza. O BNG proporá no Pleno que isto se complemente cunha campaña de sensibilización sobre bos hábitos de seguranza viaria entre pais e nais dese centro escolar e de información da posibilidade de estacionar no parking público de Xoán XXIII situado nas inmediacións.

O grupo municipal do BNG recibiu queixas sobre a falta de regulación do tráfico nos horarios de entrada e saída do Colexio San Jorge, situado na avenida de Coimbra. Numerosos vehículos aparcan a diario nos horarios de entrada e saída sobre as beirarrúas, zonas reservadas para diversidade funcional, parada de autobús e pasos peonís, dificultando o tránsito e poñendo en risco a seguridade de escolares e da veciñanza do barrio, ao non poder camiñar polas beirarrúas e pasos de peóns con normalidade por mor deses comportamentos incívicos.

Recentemente, noutro centro situado nas inmediacións, no CEIP López Ferreiro, adoptáronse medidas para evitar, xustamente, que os vehículos aparcasen nos accesos deste centro e para facilitar que nenos e nenas puidesen ir a pé sen risco de seren atropelados.

O BNG propón que se regule o tráfico nas entradas e saídas do centro escolar situado na avenida de Coimbra