O BNG insta a Xunta a mediar para garantir a recuperación dos empregos na liña de transporte público Santiago-Aeroporto

A deputada Iria Carreira
A deputada Iria Carreira
A deputada Iria Carreira pide que o Consello Galego de Relacións Laborais comprobe a subrogación dos contratos das traballadoras afectadas
O BNG insta a Xunta a mediar para garantir a recuperación dos empregos na liña de transporte público Santiago-Aeroporto

Santiago de Compostela, 15 de abril 2021.- O BNG instou a Xunta no Parlamento galego a mediar e notificar ao Consello Galego de Relacións Laborais para iniciar os trámites que posibiliten a recuperación dos empregos na liña de transporte público colectivo Santiago-Aeroporto, no concello compostelán.

A deputada Iria Carreira explicou que a xestión desta liña foi solicitada polo Concello en 2018 e, en consecuencia, non foi licitada nos contratos do Plan de Transporte Público de Galiza, polo que o goberno local -que tiña que se facer cargo do servizo e incluílo no prego do concurso de transporte urbano- aínda non realizou a licitación deste procedemento e as e as 11 traballadoras desta liña non foron subrogadas cando se asumiu o servizo.

Carreira advertiu de que a empresa concesionaria orixinaria pretende non pagarlles as indemnizacións correspondentes, mentres que a concesionaria do transporte urbano pretende aforrar os seus salarios non subrogándoos. “Todo isto sucede mentres o Concello de Santiago miraba para outro lado a pesar de que era sabedor da data de finalización desta concesión dende tempo atrás e, o máis grave, cando a responsabilidade de non ter sacado a concurso o transporte urbano, que leva caducado desde 2015, é unicamente municipal”, subliñou.

A esta problemática laboral, a deputada nacionalista sumou as queixas da veciñanza de Lavacolla, que viu deteriorada a calidade deste servizo público “ao non contar con boas prestacións pola substitución da frecuencia dos buses, ao ir cheos de equipaxe e mesmo ao non realizar as paradas oportunas cando vai cargado de persoas pasaxeiras do aeroporto en determinados horarios”.

Ante esta situación, reclamou á Xunta un papel activo na comprobación da subrogación dos contratos das traballadoras afectadas tanto neste caso como no de todxs aquelas traballadoras que se ven na mesma situación por todo o país coa finalización de concesións durante estes últimos meses. “Este, por desgraza, non é o único conflito existente”, recalcou, para a continuación pedir a intervención do Goberno galego e a súa mediación a través do Consello Galego de Relacións Laborais. A proposición non de lei nacionalista non acadou o respaldo da comisión parlamentaria de Ordenación Territorial.  

 

O BNG insta a Xunta a mediar para garantir a recuperación dos empregos na liña de transporte público Santiago-Aeroporto