Goretti Sanmartín lembra o acordo para a denominación da estación intermodal “Daniel Castelao”  

Daniel Castelao
Daniel Castelao

“Trátase de cumprir un acordo plenario para recoñecer a obra e a figura de Daniel Castelao nun emprazamento que vai ser punto de encontro para milleiros de persoas cada día que entran e saen da capital de Galiza”, explicou

Goretti Sanmartín lembra o acordo para a denominación da estación intermodal “Daniel Castelao”  

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2021.-  A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, advirte que, a piques de inaugurarse a estación de autobuses, no seu rótulo figura só o nome “Estación de autobuses de Santiago de Compostela” e non hai constancia de incluír a denominación “Daniel Castelao”, nin a tipografía nin o espazo expositivo dedicado a Castelao, tal como fora aprobado por unanimidade. Así, o BNG trasladará unha iniciativa ao Pleno para que o Goberno local realice as xestións necesarias para que se faga efectivo.

En xaneiro de 2019 aprobouse unha proposición do BNG para designar a estación intermodal de Santiago de Compostela co nome “Daniel Castelao”, ademais de incluír a súa tipografía e unha exposición permanente no seu interior coa obra do autor do “Sempre en Galiza” para dar a coñecer a súa traxectoria cultural e política.

O BNG reiterou a petición deste acordo en setembro de 2020, xa neste mandato municipal, para que o actual Goberno local instase tanto o Goberno da Xunta como o do Estado e ADIF a incluíren partidas específicas para aplicar este deseño no interior e no exterior desta infraestrutura que está en fase construtiva.

“Trátase de cumprir un acordo plenario para recoñecer a obra e a figura de Daniel Castelao nun emprazamento que vai ser punto de encontro para milleiros de persoas cada día que entran e saen da capital de Galiza”, explicou. “Conseguir que esta nova instalación contribúa a divulgar Daniel Castelao constitúe unha oportunidade para dar a coñecer a obra deste político e intelectual de referencia no noso país”, engadiu.

 

Goretti Sanmartín lembra o acordo para a denominación da estación intermodal “Daniel Castelao”