ELECCIÓNS
O BNG anima a participar na manifestación do Primeiro de Maio para esixir a derrogación da reforma laboral que foi nociva para Santiago
“Mediante o Consorcio Compostelán polo Emprego queremos coordinar desde as distintas administracións as políticas para frear o paro, a emigración e os recortes de dereitos laborais”, explica Goretti Sanmartín
Santiago de Compostela, 30 de abril de 2019.- O BNG anima a participar na mobilización do Primeiro de Maio que sae da praza Roxa ás 12:30 co lema “Recuperar dereitos para avanzar; na Galiza, emprego, salarios e pensións dignas” convocada pola CIG. A candidata á Alcaldía, Goretti Sanmartín, ademais de esixir a derrogación da reforma laboral por parte do Goberno do Estado que tivo repercusión moi negativa en Santiago de Compostela, considera que a creación do Consorcio Compostelán polo Emprego, unha das medidas incluídas no programa do BNG, contribuirá “a atallar a precariedade, as discriminacións de xénero, o desmantelamento da industria e a deslocalización de empresas, como aconteceu nos últimos anos”.
Deste xeito, o BNG aproveitará o Día internacional da clase traballadora para demandar “un cambio nas políticas aplicadas coa escusa da crise que favorecen a precariedade, a pobreza laboral e a perda de poder adquisitivo”.
“Mediante o Consorcio Compostelán polo Emprego queremos coordinar desde as distintas administracións as políticas para frear o paro, a emigración e os recortes de dereitos laborais”, explicou Goretti Sanmartín, “e servirá para apoiar as persoas emprendedoras e darlle impulso ás políticas activas de emprego”.
Ademais, Navia Rivas, número 2 da candidatura, indicou a necesidade pór en marcha unha Estratexia de Emprego 2019-2024 que, entre outros principios, terá como obxectivos “a retención de talento para evitar o exilio académico e o retorno de mocidade emigrada”.
“Para iso, é necesario crear, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, un programa de captación de persoas investigadoras emigradas para o seu retorno con garantías de estabilidade e dotación de recursos para poderen desenvolver proxectos de investigación no noso país e contribuír aos avances científicos, industrial, económico e social no propio lugar que investiu na súa formación académica”, engadiu Navia Rivas.