MOBILIDADE
O BNG apoia a proposta de crear vías sinalizadas para facilitar o uso de bicicletas
Santiago de Compostela, 7 de maio de 2020.- O BNG apoia a proposta de crear vías sinalizadas para facilitar o uso de bicicletas, un medio de transporte idóneo para contribuír á prevención do coronavirus, de acordo coas demandas de Composcleta. Así, propón realizar unha campaña para fomentar o uso da bicicleta ao servir para manter a distancia de seguranza entre persoas usuarias e contribuír a reducir o uso de vehículos privados, na procura de contar con medios de transporte sustentábeis e que eviten a posibilidade de contaxio.
Para iso, pódense habilitar zonas específicas durante a fase de desconfinamento da pandemia para darlle prioridade a persoas que van a pé, bicicleta e patinete tendo en conta a reducida presenza de coches.
A bicicleta é un medio de transporte de baixo risco de contaxio e, nesta situación, o Concello de Santiago debe ser pioneiro para adoptar medidas para fomentar o seu uso agora que é necesario manter distanciamento social, para aproveitar a protección comunitaria e individual nos desprazamentos ao traballo que ofrece, ademais de contribuír á saúde física e mental das persoas usuarias.
O BNG aposta por darlle prioridade a peóns nos espazos urbanos e pola convivencia entre todas as formas de desprazamento na cidade, para o que se poden ampliar as zonas de tránsito e aparcadoiro de bicicletas, pois se trata de vehículos sustentábeis que aseguran unha mobilidade sen risco de contaxio ao gardar a distancia física de seguridade. Así, o BNG defende a ampliación de espazos peonís e elaborar unha campaña de promoción do uso da bicicleta, xunto coa redución dos límites de velocidade e o axuste de semáforos con prioridade para bicicletas e peóns.
Para iso, é necesaria a pacificación ou restrición de tráfico de coches que se poden adoptar neste período con medidas de separación de carril bici, definir rúas con dirección única de vehículos e uso exclusivo de bicicletas no outro carril, ademais de maior sinalización e limitación de velocidade para favorecer a convivencia con ciclistas, como demanda Composcleta. A pacificación do tráfico e a prioridade das bicicletas ten que estenderse a todo o ámbito urbano.
O BNG lembra tamén a proposta de estabelecer carrís bici en zonas periurbanas, coa unión co Milladoiro, con maiores medidas de seguranza, para conseguir unha mobilidade sustentábel mediante a creación de sendas peonís accesíbeis.