CULTURA

O BNG trasladará ao Pleno de Santiago a necesidade de rebaixar o IVE cultural ao 4%

bng
bng
“É obriga do Goberno do Estado amparar, protexer e promover o tecido cultural, ademais de garantir o dereito de participación nas actividades artísticas”, explica Goretti Sanmartín
O BNG trasladará ao Pleno de Santiago a necesidade de rebaixar o IVE cultural ao 4%

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2020.- O BNG trasladará ao Pleno do 28 de maio unha iniciativa para reclamarlle ao Goberno do Estado a necesidade de aplicar o IVE super reducido do 4% a produtos, eventos, contratacións e actividades culturais para favorecer a igualdade de dereitos na participación desta actividade e o apoio a este sector profesional, como unha das medidas para afrontar a crise económica derivada da pandemia do coronavirus.

“É función dos poderes públicos promover o acceso á cultura, á que deben ter dereito todas as persoas, así como facilitar a participación da cidadanía nas actividades artísticas”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG. “A cultura é tamén necesaria para crear cohesión social e representa un sector básico da nosa economía e panca de dinamización económica do sector terciario como hostelaría e turismo, de enorme importancia no noso concello”, engadiu.

O BNG entregou esta semana un documento á Alcaldía e á Concellaría de Cultura cun plan de revitalización do sector cultural, do que aínda non recibiu resposta nin tampouco borrador previo do plan municipal -nin os grupos da oposición nin o sector- coas medidas que vai adoptar o Concello de Santiago logo do paro obrigado desta actividade. Ademais, o BNG xa lle entregou ao Goberno do Estado as súas propostas no ámbito da cultura, que inclúen esta rebaixa do IVE cultural.

Coa pandemia do coronavirus constátase unha necesidade de afortalar o sector cultural, para o que cómpre adoptar medidas como a redución do IVE cultural do 10% ao 4% do mesmo xeito que se vén de realizar no libro electrónico, revistas e xornais dixitais para equiparalo ao tipo impositivo destes mesmos produtos en papel.

“Representantes da industria cultural están a reclamar esta petición de redución do IVE xunto con medidas específicas para este sector, pois é obriga do Goberno amparar, protexer e promover o tecido cultural, ademais de garantir o dereito de participación nestas actividades”, afirmou Goretti Sanmartín.

Neste sentido, a aplicación do IVE super reducido do 4% no Estado español pode favorecer o mantemento de cines, museos, teatros, concertos e espectáculos ao vivo, así como as entradas a feiras e exposicións comerciais de cultura, discotecas e salas de festas. Debe repercutirse tamén esta baixada nos servizos desenvolvidos por persoal técnico, artístico, de dirección e de produción de eventos culturais para que poidan retomar a súa actividade económica con maior facilidade, segundo recolle o texto da iniciativa do BNG.

Deste xeito, preténdese facilitar a democratización da cultura, que debe ser concibida non só para unha elite, mediante a redución do prezo que se paga polo seu consumo e por iso se reclama a aplicación do IVE super reducido do 4% en troques do 10% actual.

Segundo o Informe Anual da Cultura elaborado polo investigador Marcos Lorenzo, en Santiago hai 2.307 afiliadas á Seguridade Social no sector cultural e son 494 empresas culturais as que teñen a súa sede na nosa cidade.

O BNG trasladará ao Pleno de Santiago a necesidade de rebaixar o IVE cultural ao 4%