28M

BNG e CA asinan as  bases do acordo do Goberno transformador para o Concello de Santiago de Compostela 2023-2027

Acordo de goberno BNG e CA
Acordo de goberno BNG e CA
Rexerase polos principios de cohesión, eficacia, lealdade e transparencia, en diálogo co tecido social e asociativo que será partícipe das decisións estratéxicas para incrementar a calidade de vida da veciñanza
BNG e CA asinan as  bases do acordo do Goberno transformador para o Concello de Santiago de Compostela 2023-2027

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2023.- Goretti Sanmartín e María Rozas asinaron as bases do acordo do Goberno transformador para o Concello de Santiago de Compostela durante o mandato 2023-2027, logo dos encontros de negociación das últimas semanas.

No acto de sinatura estiveron presentes, ademais de Goretti Sanmartín e María Rozas, Míriam Louzao, Xesús Domínguez, Pilar Lueiro, Manuel César e Iago Lestegás, por parte do BNG; e Xan Duro, por parte de CA, que subscribiron as bases expresadas no documento como futuro grupo de goberno.

En declaracións aos medios de comunicación, Goretti Sanmartín e María Rozas anunciaron o contido do acordo para o goberno transformador de Santiago de Compostela, que vai poñer “as persoas no centro das políticas”.

Despois do Pleno de investidura deste sábado 17 de xuño iniciarase “unha nova etapa con este equipo que comezará a desenvolver as súas funcións de maneira eficiente, áxil e con toda a honestidade para responder a esa demanda cidadá expresada nas urnas o pasado 28 de maio”, explicou Goretti Sanmartín. Deste xeito, anunciaron os eixos transversais “que van inspirar toda a acción do Goberno”:

● Impulsar a igualdade e o feminismo de xeito transversal en todas as áreas de goberno.

● Traballar para garantir todos os dereitos sociais para todas as persoas, situándoas no centro das políticas públicas desde unha perspectiva social e solidaria.

● Fomentar a creación de emprego de calidade, os dereitos de conciliación e a diversificación económica, en colaboración co tecido empresarial e sindical, e aproveitando os recursos e sinerxías coa Universidade de Santiago de Compostela.

● Adoptar medidas a favor da sustentabilidade, da naturalización dos espazos urbanos e para situar Santiago de Compostela á vangarda contra o cambio climático, ademais de pular polo equilibrio territorial entre os diferentes barrios e por un rural con dereitos e con servizos básicos de calidade.           

● Exercer como capital do país e como plataforma de proxección internacional da cultura galega, intensificando a promoción social da lingua galega e dos sinais nacionais de identidade do pobo galego.

● Traballar en colaboración con outras administracións e institucións para conseguir recursos na defensa dos intereses de Santiago de Compostela, ademais de impulsar e de axilizar novas infraestruturas, servizos públicos e equipamentos de ensino, sanitarios, culturais, ambientais e sociais.

Ademais, a actuación do Goberno transformador 2023-2027 rexerase polos principios de cohesión, eficacia, lealdade e transparencia, en diálogo co tecido social e asociativo, que será partícipe da toma de decisións estratéxicas para Santiago de Compostela co obxectivo de incrementar a calidade de vida da veciñanza.

BNG e CA asinan as  bases do acordo do Goberno transformador para o Concello de Santiago de Compostela 2023-2027