28M
Xosé Sánchez Bugallo e Goretti Sanmartín presiden a xuntanza para o traspaso de poderes
Reunión dos dous equipos no Salón Verde
13 xuño 2023 - 18:50
13/06/2023 O alcalde en funcións, Xosé Sánchez Bugallo, e a candidata da lista do BNG, Goretti Sanmartín, mantiveron hoxe unha xuntanza para iniciar o traspaso de poderes. Na reunión participaron concelleiros e concelleiras do actual Goberno en funcións, así como os/as edís electos/as do BNG nos comicios locais do pasado 28 de maio.
O alcalde en funcións detallou que a xuntanza "serviu para trasladar toda a documentación e poñernos á disposición do goberno entrante para colaborar e resolver calquera dúbida". Xosé Sánchez Bugallo aproveitou a ocasión para desexarlle "a máxima sorte e o máximo acerto" así como que se faga "o mellor para Santiago".Pola súa parte, Goretti Sanmartín explicou que "o BNG recibiu os informes de traspaso de poderes de mans do goberno saínte" e avanzou que desde agora comezarase a manter "reunións individuais de cada persoa que se vai encargar dunha área con cada unha das concellarías para afondar máis e aclarar aquelas dúbidas que puidesen xurdir". Sanmartín expresou o seu agradecemento pola "cordialidade e a posta a disposición destes informes por parte do grupo socialista para iniciar esta nova etapa a partir do día 17".