28M

Goretti Sanmartín: “Temos un equipo de goberno sólido que marcará un cambio de rumbo para transformar a capital galega”

Reunión BNG-PSOE do pasado 8 de xuño de 2023
Reunión BNG-PSOE do pasado 8 de xuño de 2023
Na reunión de negociación co PSOE informaron de que, de momento, non entrará no goberno que presidirá o BNG en Santiago de Compostela
Goretti Sanmartín: “Temos un equipo de goberno sólido que marcará un cambio de rumbo para transformar a capital galega”

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2023.- O BNG prosegue os encontros de negociación tras o 28M e este martes mantivo unha xuntanza con representantes do PSOE que transmitiron que apoiarán asuntos relevantes para a cidade mais sen entrar a formar parte do novo Goberno transformador en Santiago de Compostela liderado por Goretti Sanmartín. “Temos un equipo de goberno sólido e cohesionado que marcará un cambio de rumbo para transformar a capital galega, que traballará en diálogo cos axentes sociais e coa veciñanza para adoptar as decisións estratéxicas de Santiago de Compostela a partir de agora”, explicou Goretti Sanmartín.

Por parte do BNG, Goretti Sanmartín trasladoulles que seguen coa man tendida para chegar a acordos se realmente queren poñer os intereses da cidade por diante, logo de que decidisen entre a dirección galega do PSdeG, a dirección provincial e o grupo municipal socialista non entrar no novo Goberno local e ficar na oposición.

A vontade do BNG era integrar tanto PSOE como CA para facer un goberno “o máis amplo posíbel, atendendo ao resultado do sentir maioritario da veciñanza expresado nas urnas, mais é necesario respectar a decisión interna das demais forzas políticas e os seus tempos”. As portas quedan abertas a que o grupo municipal socialista participe no goberno local, se ten interese en defender os intereses da cidade desde esa posición, ademais de acordos puntuais que comprometeron.

Goretti Sanmartín avanzou que xa ten definidas as medidas urxentes que adoptará o novo Goberno local, a partir da investidura do sábado 17 de xuño e que conta cun equipo sólido e cohesionado que xa está a traballar para levar adiante os proxectos que precisa Santiago de Compostela, sempre en diálogo con axentes sociais e coa participación veciñal na toma das decisións estratéxicas.

Goretti Sanmartín: “Temos un equipo de goberno sólido que marcará un cambio de rumbo para transformar a capital galega”