GOBERNO TRANSFORMADOR
Goretti Sanmartín: “A liña en que traballa o BNG é para conseguir un Goberno amplo e estábel en que participe o PSOE, ademais de CA”
Na segunda reunión de negociación co PSOE producíronse avances en temas relevantes para a cidade, mais aínda non tomaron a decisión de ser parte do goberno ou oposición
Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2023.- O BNG continúa os encontros para conformar, a partir do 17 de xuño, un Goberno transformador en Santiago de Compostela e logo da segunda xuntanza con representantes do PSOE, Goretti Sanmartín sinalou que a liña en que traballa o BNG é para conseguir “ese goberno amplo e estábel en que participe o PSOE, ademais de CA”.
En declaracións a xornalistas logo da xuntanza, Goretti Sanmartín explicou que se desenvolveu “con cordialidade” e logrou avances en temas relevantes para a cidade, “conseguindo achegar posicións desde diferentes ámbitos” e ter unha posición común.
Porén, o PSOE tamén trasladou que aínda non hai unha decisión a respecto de se queren entrar ou non no Goberno local de Santiago de Compostela. “Nós seguimos como BNG, igual que levamos dicindo estes días, con esa man tendida agardando que o PSOE tome esa decisión e respectando os tempos das outras organizacións”. Anunciou que o BNG seguirá traballando, de aquí ao 17 de xuño, para ter conformado ese goberno “da maneira máis ampla posíbel”. Así, explicou que quedaron emprazadas para unha próxima xuntanza a comezos da próxima semana para dar a coñecer a decisión que tome o PSOE.
“Entendemos que o Goberno local de Santiago debe ser conxunto de todas as forzas da esquerda porque iso daríanos a posibilidade de ter maioría absoluta e, por tanto, de desenvolver máis proxectos desde o Pleno”, afirmou.
Nos encontros da semana pasada, PSOE e CA anunciaron o apoio para a investidura de Goretti Sanmartín como primeira alcaldesa de Santiago de Compostela na sesión do 17 de xuño e a vontade de proseguir as negociacións para conformar un Goberno maioritario de esquerdas na capital de Galiza.
Por parte do BNG asistiron a esta segunda xuntanza Goretti Sanmartín, Míriam Louzao e Xesús Domínguez; por parte do PSOE Mercedes Rosón, Sindo Guinarte, Milagros Castro e Gonzalo Muíños.