GOBERNO TRANSFORMADOR

Comezan as negociacións para conformar un goberno transformador liderado polo BNG en Santiago de Compostela “que é o mandato que a poboación expresou nas urnas”

Goretti Sanmartín e María Rozas
Goretti Sanmartín e María Rozas

Goretti Sanmartín agradece a vontade de diálogo de CA para o pacto de goberno

Comezan as negociacións para conformar un goberno transformador liderado polo BNG en Santiago de Compostela “que é o mandato que a poboación expresou nas urnas”

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2023.- O BNG prosegue coa rolda de contactos de negociación e, logo da segunda reunión con representantes de CA, Goretti Sanmartín afirmou que comeza a conformarse o próximo Goberno para Santiago de Compostela liderado polo BNG, “ao que pretendemos que se sume o PSOE, co que teremos unha reunión mañá coa intención de que se acrecenten a este proxecto transformador para Santiago, que é o mandato que a poboación de Compostela expresou nas urnas o pasado 28M”.

En declaracións a xornalistas após a xuntanza, Goretti Sanmartín explicou que CA trasladou oficialmente a intención de comezar a dialogar para facer un pacto de goberno “e desde o BNG agradecemos esta disposición para traballar conxuntamente polo Concello de Santiago de Compostela cun Goberno transformador” que se poña en marcha “desde o primeiro día”. Nese sentido, comezaron a deseñar o programa dese acordo de goberno “sen dilatar tempos, de maneira intensa e necesaria para avanzar” e coa intención de que entre en funcionamento a partir do 17 de xuño, data da constitución da nova Corporación local. Neste encontro falaron de modelo de cidade, transformación urbana e necesidades reais da poboación.

“Como representante do BNG quero manifestar o noso agradecemento por esa vontade que entendemos que se vai plasmar nese acordo de colaboración unha vez que o referenden as asembleas de cada unha das organizacións”, sinalou.

Ademais, fixo un chamamento ao PSOE para que se una, ao entender que “é bo que Santiago de Compostela teña un acordo amplo, sólido e estábel para os próximos catro anos cos retos que temos por diante”.

Nos encontros da semana pasada, PSOE e CA anunciaron o apoio para a investidura de Goretti Sanmartín como primeira alcaldesa de Santiago de Compostela na sesión do 17 de xuño e a vontade de proseguir as negociacións para conformar un Goberno maioritario de esquerdas na capital de Galiza.

Por parte do BNG asistiron a esta xuntanza Goretti Sanmartín, Míriam Louzao e Pilar Lueiro; e por parte de CA María Rozas, Xan Duro, Miguel Penas e Concha Fernández.

Comezan as negociacións para conformar un goberno transformador liderado polo BNG en Santiago de Compostela “que é o mandato que a poboación expresou nas urnas”