28M

O BNG conta co apoio de PSOE e CA para a investidura de Goretti Sanmartín como primeira alcaldesa de Santiago de Compostela

Encontro BNG-CA
Encontro BNG-CA
“A cidadanía foi a que nos pediu que entrásemos en consenso, a partir dun bloque maioritario de esquerdas, e temos que responder a esas expectativas”, afirma Goretti Sanmartín
O BNG conta co apoio de PSOE e CA para a investidura de Goretti Sanmartín como primeira alcaldesa de Santiago de Compostela

“Entendemos que é bo para Santiago conformar un Goberno diverso, plural e con liñas políticas transformadoras e avanzadas que melloren a calidade de vida da veciñanza”, explica

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2023.- O BNG continúa o proceso negociador para constituír un Goberno transformador en Santiago de Compostela e, nesta xornada, mantivo un encontro con representantes de CA, quen trasladaron o apoio para a investidura de Goretti Sanmartín como primeira alcaldesa da capital galega.

En declaracións a xornalistas logo da xuntanza, Goretti Sanmartín agradeceu a CA a súa disposición a apoiar o BNG, por ser a forza máis votada da esquerda nestas eleccións municipais, na sesión de investidura do 17 de xuño. “Despois da conversa de onte co PSOE dáse un paso máis para que o BNG chegue á Alcaldía de Santiago de Compostela”, indicou.

Na reunión, o BNG trasladoulle a CA “a intención de que entren a formar parte do Goberno local, que queremos que sexa amplo, estábel, unido e sólido, para comezar a traballar o máis rápido posíbel a partir do 17 de xuño”. Insistiu que o BNG está preparado para iniciar ese goberno o 18 de xuño, mais quere contar tanto con CA como co PSOE para que sexa amplo, aínda que hai que respectar os tempos das demais organizacións políticas.

Así, o BNG emprazou a CA a unha nova xuntanza a próxima semana, de igual xeito que ao PSOE. “A cidadanía foi a que nos pediu que entrásemos en consenso, con diálogo e acordos, se se fai unha boa avaliación dos resultados, a partir dun bloque maioritario de esquerdas, que foi o que máis votado e temos que responder a esas expectativas”, indicou.

Por parte do BNG asistiron a esta reunión Goretti Sanmartín, Míriam Louzao, Xesús Domínguez e Pilar Lueiro; por parte de CA María Rozas, Xan Duro, Miguel Penas e Concha Fernández.

Nas eleccións municipais do 28M, o BNG conseguiu en Santiago 11.428 votos, o PSOE 10.513 e CA 4.446, unha maioría suficiente de 26.387 votos e 14 edís para conformar un pacto de goberno de esquerdas, fronte aos 18.924 votos e 11 edís que obtivo o PP.

O BNG conta co apoio de PSOE e CA para a investidura de Goretti Sanmartín como primeira alcaldesa de Santiago de Compostela