GOBERNO TRANSFORMADOR
Goretti Sanmartín liderará un Goberno transformador a partir do 18 de xuño en Santiago de Compostela
Na primeira reunión de negociación, o PSOE demostra a vontade de facilitar a Alcaldía para a lista máis votada da esquerda, que é o BNG
Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2023.- O BNG principiou o proceso de negociación para conformar un Goberno transformador en Santiago de Compostela. “Desde o PSOE expresaron a vontade de facilitar a Alcaldía do BNG en Santiago de Compostela a partir do Pleno do 17 de xuño”, explicou Goretti Sanmartín, e emprazáronse a seguir a negociación nos próximos días “para conseguir que haxa ese goberno estábel e amplo que este concello precisa”.
En declaracións a xornalistas logo deste primeiro encontro co PSOE, Goretti Sanmartín cualificou a reunión como “cordial” e coa intención de realizar “unha valoración xeral do escenario que se abre agora, coas distintas opcións que existen”, ademais de elaboraren un calendario e unha distribución de tarefas para as próximas semanas.
O PSOE demostrou a vontade de facilitar a Alcaldía ao BNG, que é a lista máis votada da esquerda, na sesión de investidura do Pleno do próximo 17 de xuño, dentro do marco xeral de colaboración entre BNG e PSOE, “ademais de continuar a negociación a próxima semana para ver as posibilidades de entraren no goberno”, indicou.
Ademais indicou que o equipo do BNG está “en disposición e preparado para gobernar este concello a partir do 18 de xuño”, despois do Pleno de investidura, “e seguiremos a traballar para achegar as outras forzas da esquerda e, moi concretamente neste caso, ao PSOE a un pacto de goberno”.
Explicou que na reunión tamén falaron de liñas e de eixos xerais das políticas a desenvolver cun modelo de cidade definido. A preguntas de xornalistas sobre o reparto de áreas, sinalou que “o primeiro é resolver os asuntos de tipo programático, ademais de temas urxentes e importantes” para Santiago de Compostela.
Por parte do BNG asistiron a esta reunión Goretti Sanmartín, Míriam Louzao, Xesús Domínguez e Pilar Lueiro; e por parte do PSOE Mercedes Rosón, Xaquín Fernández Leiceaga, Milagros Castro e Sindo Guinarte.
Nas eleccións municipais do 28M, o BNG conseguiu en Santiago 11.428 votos, o PSOE 10.513 e CA 4.446, unha maioría suficiente de 26.387 votos e 14 edís para conformar un pacto de goberno de esquerdas, fronte aos 18.924 votos e 11 edís que obtivo o PP.