28M
O BNG comeza o proceso de negociación para conformar un Goberno “amplo, estábel e sólido” que comece a traballar o 18 de xuño con Goretti Sanmartín como primeira alcaldesa de Santiago
Sustentabilidade, accesibilidade, igualdade e boa xestión económica serán os eixos do novo goberno liderado por Goretti Sanmartín na capital de Galiza
Santiago de Compostela, 30 de maio de 2023.- A alcaldesa electa do BNG Goretti Sanmartín compareceu en rolda de prensa para realizar unha valoración dos resultados do 28M e avanzar as liñas do proceso de negociación co PSOE e CA para conformar o novo Goberno local “amplo, estábel e sólido” de Santiago de Compostela.
Goretti Sanmartín presentou o novo grupo municipal do BNG que estará conformado por Míriam Louzao, Xesús Domínguez, Pilar Lueiro, Manuel César e Iago Lestegás na próxima Corporación local. A candidatura nacionalista obtivo 11.428 votos e “por 213 máis non saíu a concelleira número 7, no que foi un resultado histórico co BNG en Santiago de Compostela”. Explicou que foi unha forza “capaz de conquistar a ilusión, de transmitir a enerxía e de lanzar unha mensaxe ao conxunto da sociedade compostelá de que é posíbel facer algo diferente para solucionar os problemas fundamentais do concello nestes momentos”.
Esa receptividade que xa anunciou e que viu nas dúas semanas de campaña, pero que xa percibiu nos meses anteriores de necesidade de cambio “e de dar unha volta ás cousas e de que algo tiña que moverse en Santiago de Compostela” viuna corroborada despois do domingo electoral. Recoñeceu que foron “innumerábeis” as felicitacións e os parabéns da xente pola rúa e do tecido asociativo “que di que temos que dar comezo a esa nova etapa e que contan connosco porque nos van apoiar”. Así, quixo trasladar o compromiso de que non defraudará as expectativas e comprometeuse “a dálo todo para traballar por Santiago de Compostela”.
“As seis persoas que conformamos o grupo municipal imos deixar a pel por traballar por Santiago, por constituír o mellor dos gobernos e comezar a traballar desde o minuto 1 para abrir un novo tempo, porque iso é xustamente o que dixeron as veciñas e veciños de Santiago, que deron ese resultado electoral cun apoio moi importante ao BNG que vai liderar tendo, por primeira vez, á fronte unha alcaldesa feminista e nacionalista que vai gobernar para o conxunto da sociedade, pero tamén facendo un goberno amplo e estábel que teña ben clara, dentro da súa diversidade, cales son as liñas principais”, explicou.
Diálogo co resto dos grupos e co asociacionismo para afrontar os retos
Santiago ten que definir o seu papel estratéxico para afrontar os retos e desde a perspectiva do grupo municipal e do BNG vaise facer “de maneira coparticipada co resto dos grupos, coa veciñanza, con diálogo e consenso e con escoita activa como dixemos desde o primeiro momento coas liñas fundamentais do noso programa e do modelo de cidade”.
Sustentabilidade, accesibilidade, igualdade e boa xestión económica
Na rolda de prensa referiuse á procura de medidas políticas que garantan a sustentabilidade camiñando cara a ese modelo dunha capital verde europea, con identidade galega, con políticas que garantan a igualdade e leven o feminismo como elemento transversal a todas as áreas de goberno, que se procure o avance cara á accesibilidade universal e que se desenvolva unha transformación urbana para a renaturalización e humanización dos espazos públicos, sen discriminacións en función do lugar de residencia en barrios, rural e parroquias, para que non haxa cidadáns e cidadás de primeira e de segunda, para que teñan os servizos básicos garantidos de calidade e que todo iso se faga con participación, con transparencia e cunha boa xestión económica, garantindo que haxa un maior grao de execución posíbel e que todo o traballo se faga centrándose nas persoas que viven e traballan en Compostela para que sexan as destinatarias principais das políticas que se desenvolvan.
Negociación transparente con PSOE e CA
Con todas esas liñas, Goretti Sanmartín afirmou que quere comezar a negociación cos outros dous grupos da esquerda que conseguiron representación na Corporación municipal, para iniciar “un proceso rápido e intenso que debe culminar o 17 de xuño, cando se constitúa a nova Corporación e se escolla a Alcaldía de Santiago de Compostela”.
Así, anunciou que xa convocou unha primeira reunión cos dous grupos - para o xoves 1 de xuño co PSOE e para o venres 2 de xuño con CA- porque quere facer “un proceso de negociación transparente”. Será unha primeira reunión de contacto para transmitir as liñas principais de transversalidade e de eixos fundamentais do programa do BNG e para coñecer tamén “as liñas que poñen enriba da mesa os outros dous grupos e para transmitirlles a necesidade de conformar este goberno canto antes para ter todo preparado para que, a partir do 18 de xuño, este novo goberno comece a traballar de maneira intensa por Santiago de Compostela”.
Ademais, fixo un chamamento á responsabilidade dos outros dous grupos “polas urxencias de Santiago de Compostela, que non pode agardar para ter un novo goberno amplo, estábel, forte e sólido que comece a traballar a partir do 18 de xuño”.