28M
Goretti Sanmartín: “Dirixímonos a toda a veciñanza para abrir un novo tempo transformador e de esperanza en Santiago de Compostela”
Asume a responsabilidade da Alcaldía de Santiago neste cambio de ciclo “con toda a humildade e con toda a enerxía”
Santiago de Compostela, 28 de maio de 2023.- A alcaldesa electa Goretti Sanmartín afirmou que Santiago de Compostela inicia co BNG “unha nova etapa, un cambio de ciclo e un futuro” polo que apostaron 11.428 veciñas e veciños “porque somos a forza que deu ilusión, esperanza e ganas de cambio”.
“Dixemos que fariamos historia, a poboación falou e dixo ben claro que quería ter unha alcaldesa, por vez primeira na capital de Galiza”, sinalou na súa comparecencia aos medios de comunicación. “Isto vai por todas as mulleres que nos precederon, por todas aquelas que abriron camiño e traballaron arreo para que estivesemos en todos os ámbitos e tamén no ámbito da política”, engadiu. Santiago contará, así, por primeira vez, cunha alcaldesa “feminista e nacionalista na capital de Galiza” e que gobernará para o conxunto da sociedade “porque como dixemos tantas veces temos un proxecto para todo o concello, para que non haxa discriminacións nos barrios, no rural nin nas parroquias. “Temos un proxecto diferente que comezaremos a facer realidade a partir de mañá mesmo”, afirmou.
Na súa intervención agradeceu a militancia, simpatizantes e a todas as persoas que acreditaron en que este resultado podería suceder e que vai implicar “un cambio de ciclo” e que trasladaron a mensaxe “da ilusión, da esperanza e de abrir un tempo novo en Santiago de Compostela”.
Agradeceu tamén a todas as persoas que votaron BNG e afirmou que non defraudará as súas expectativas “e con toda a humildade e con toda a enerxía” asume esta responsabilidade, con todo o equipo, e van aplicala “neste proxecto de cambio ao conxunto da sociedade compostelá”. “Dirixímonos a toda a sociedade compostelá para abrir un novo tempo”.
“Tamén toca celebrar estes magníficos resultados do BNG en Santiago de Compostela, capital do país e símbolo dun tempo novo que terá continuidade de aquí ás próximas eleccións galegas para que o BNG chegue á Presidencia da Xunta”, asegurou.
Sinalou ter un compromiso con todas as veciñas e veciños de Santiago Compostela: “voume deixar a pel e traballar arreo por este concello, xunto con todo o equipo que asumimos esta responsabilidade e imos iniciar un tempo ilusionante, transformador e de esperanza de cambio para Santiago de Compostela”, concluíu entre aplausos das persoas que se congregaron para celebrar os resultados electorais.