28M
Goretti Sanmartín anima a veciñanza a votar "porque ten o poder de decidir quen será alcalde ou alcaldesa"
A candidata do BNG votou na Facultade Filosofía, acompañada de Ana Pontón
28 maio 2023 - 11:52
Santiago de Compostela, 28 de maio de 2023.- A candidata do BNG á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, votou na facultade de Filosofía, acompañada de Ana Pontón. En declaracións aos medios, sinalou que agarda que a xornada transcorra sen incidencias e co maior número de participación posíbel porque "iso será bo para Santiago de Compostela"
Animou a veciños e veciñas de Santiago a exercer o seu voto, "porque teñen o poder de decidir quen van ser representantes na próxima Corporación municipal e quen será alcalde ou alcaldesa".
A preguntas de xornalistas, sinalou que "hai moitas persoas indecisas, segundo as enquisas, que poden ser determinantes para o futuro" e, por iso, fixo un chamamento á votación "porque cada voto conta".
"Levamos tendo moi boas sensacións durante toda a campaña, con xente que recibe moi ben as nosas mensaxes e a ver o que pasa ao final da xornada", concluíu.
No percorrido polas mesas electorais, Goretti Sanmartín e Ana Pontón estiveron acompañadas por Néstor Rego, Míriam Louzao e Rubén Cela.