ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA

O BNG comprométese a apoiar a ‘remunicipalización’ da Escola de Música e anima a CA a iniciar o procedemento

Lembrou Rubén Cela que este servizo xa foi de xestión directa “pois naceu con profesionais da banda municipal”
 

O BNG comprométese a apoiar a ‘remunicipalización’ da Escola de Música e anima a CA a iniciar o procedemento

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2018.- O Pleno ordinario de maio aprobou unha moción do BNG para que o Concello de Santiago de Compostela inicie, de urxencia, os procedementos para asumir a xestión directa da Escola Municipal de Música co fin de ofrecer un servizo público de calidade que atenda os principios de equidade social e rendibilidade para as arcas públicas. A moción nacionalista aprobouse cos votos do BNG e do PSOE, mentres CA e PP abstivéronse.

Segundo explicou Rubén Cela en rolda de prensa, tratouse de formalizar no Pleno esa proposta de ‘municipalizar’ a Escola Municipal de Música (EMM) e no debate “houbo unha rectificación por parte de CA, que entendemos como correcta porque pasou de tachar de ‘ocorrencia’ a proposta a que admitise que están abertos á posibilidade para que o persoal poida seguir prestando o seu traballo e se manteña o proxecto educativo que con tanto éxito se desenvolveu na EMM”. Fronte á “negación e ridiculización” inicial de CA ante a proposta do BNG de municipalizar a EMM, quedou aberta esa posibilidade no Pleno.

Dende o BNG desmontouse punto por punto a liña argumental de que esa remunicipalización non se podía facer, sinalou. “Non hai un só argumento dos usados para remunicipalizar a ORA e o guindastre que non sexa extrapolábel á EMM; polo tanto, se eran válidos para a ORA, son válidos para a EMM”, explicou. Xa daquela, o BNG dixera que apoiaba a municipalización da ORA por convicción ideolóxica aínda que non era o máis urxente, porque había outros servizos máis importantes, entre eles a EMM.

“A EMM non ten ningún dos problemas máis graves que tivo a remunicipalización da ORA, pois non hai parquímetros, vehículos, parcelas, liquidacións e demais, porque o equipamento neste caso é municipal e só hai que contratar persoal”, explicou.

Lembrou Rubén Cela que este servizo xa foi de xestión directa, “pois naceu con profesionais da banda municipal”. “CA afirmaba de xeito categórico, que non se podía remunicipalizar porque non era un servizo propio, mais no Pleno demostramos que iso non é certo”. Un informe da FEMP sinala que a Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local “nin atribúe nin quita competencias aos municipios sobre as escolas municipais de música e danza”, pois depende do ordenamento xurídico das comunidades autónomas e, concretamente, na normativa galega dise que “as corporacións locais poderán promover conservatorios de música ou danza”. Esta era “unha escusa formal que puña CA, que non é certa”, explicou Rubén Cela.

A nova lei de contratos do sector público prohibe expresamente a subrogación de persoal se non está explicitada no correspondente convenio colectivo “e nunha hipotética nova licitación quen teña que redactar os pregos se vai atopar con este problema”, advertiu.

Así, explicitou o “compromiso claro de que os votos do BNG tenos asegurados para ‘remunicipalizar’ a Escola Municipal de Música, polo tanto, a partir de agora é unha decisión política de CA para tirar adiante con iso porque son suficientes para aprobar o procedemento, mais é evidente que o Goberno municipal opta por outra vía”.

O BNG comprométese a apoiar a ‘remunicipalización’ da Escola de Música e anima a CA a iniciar o procedemento