ORZAMENTOS

O BNG consegue incluír 31 propostas que reclamaba a veciñanza nos Orzamentos para 2017

propostas
propostas

Rubén Cela cualificou de “complexa e longa a negociación”, “mais mereceu a pena ese esforzo para incluír esas actuacións que mellorarán a cidade”

O BNG consegue incluír 31 propostas que reclamaba a veciñanza nos Orzamentos para 2017

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, anunciou que o grupo de Goberno de Compostela Aberta comprometeuse a incluír 31 propostas da formación nacionalista “moitas delas recollidas de iniciativas do asociacionismo compostelán”. Así, na última reunión de negociación, conseguiuse a remodelación do persoal do parque de bombeiros para gañar operatividade, unha nova cuberta retráctil para a piscina de Sar, a inspección dos servizos subcontratados, a inclusión da planta de compostaxe no prego de licitación do servizo de residuos, as xestións para a ampliación do aparcadoiro do CHUS, medidas de seguridade viaria para motoristas e en zonas escolares, un novo emprazamento para a Escola Municipal de Música e a creación dunha senda peonil ao Pedroso.

Deste xeito, conseguiu a reestruturación do persoal do parque de bombeiros para facelo máis operativo, segundo as categorías profesionais e os labores que lle corresponden, para adaptalo á normativa de prevención e seguridade.

Realizarase unha mellora do equipamento da piscina de Sar, que ten unha cuberta en situación “lamentábel en termos hixiénicos, estéticos e de eficiencia enerxética”, e aínda que é titularidade do Consorcio, os arquitectos municipais realizarán un proxecto que se trasladará a este organismo para que sexa a primeira das actuacións co remanente do exercicio 2016.

Control de servizos externalizados; o BNG propuña a creación dun departamento específico, mais se procederá á inspección e supervisión do cumprimento dos pregos das empresas concesionarias para gañar rendementos para o Concello.

Se ben non se conseguiu unha partida específica no capítulo VI para o investimento na planta de compostaxe, que reclama o BNG, incluirase no novo prego de licitación do servizo de recollida de lixo, como obriga, que a empresa concesionaria asuma o custe de realización da planta de compostaxe e dos plans vinculados á promoción de hábitos para o tratamento de residuos urbanos biodegradéis.

A posta a disposición dunha parcela entre o edificio CIMUS e a urbanización de San Ignacio de Loyola para ampliar o número de prazas de aparcadoiro en superficie na contorna do CHUS e que o Concello lidere, ante a Xunta de Galiza, a petición para construír un aparcadoiro en altura no actual heliporto.

Comprometéronse tamén a buscar un novo emprazamento á Escola Municipal de Música, actualmente nunha situación inasumíbel no CEIP Apóstolo Santiago. Vai haber unha partida específica no Orzamento para o estudo e adaptación dun inmóbel para a súa actividade, para que estea executado o cambio antes do inicio do curso 2017-2018.

En canto á seguridade viaria, incluíronse actuacións na contorna dos centros escolares, outras para motoristas e ciclistas e tamén a revisión do 100% dos pasos de peóns de Santiago de Compostela, para evitar problemas de visibilidade e actuación inmediata nos que se detecte perigo.

O BNG consegue incluír 31 propostas que reclamaba a veciñanza nos Orzamentos para 2017