O BNG considera que a burocracia dos orzamentos participativos é un atranco para o asociacionismo
Defende un modelo de elaboración das contas municipais onde os colectivos veciñais e sociais sexan protagonistas da toma de decisións a través dos consellos municipais de participación, que moitos seguen sen constituírse
Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2016.- O grupo municipal do BNG de Santiago, con respecto á fórmula elixida polo Goberno local de Compostela Aberta para a elaboración dos orzamentos participativos por distritos, considera que existe unha desproporción entre o resultado de decidir tan só sobre o 1% do total e a burocracia, mecanismos e fórmula de decisión, o que revela un desaxuste económico entre o investimento e os recursos organizativos. Este método burocrático pode supor un atranco para a participación real da veciñanza, así como unha relegación do papel fundamental que debera, indicou Rubén Cela, portavoz nacionalista en Raxoi.
Rubén Cela cuestionou o concepto de orzamentos participativos por distritos, porque este modelo así configurado desnaturaliza os barrios e parroquias e infravalora o papel do asociacionismo veciñal. Para beneficiar unha empresa á que se lle contratou a xestión por 56.000 euros máis IVE.
Co sistema proposto, só permite opinar sobre o 14% do capítulo VI de Investimentos, é decidir só sobre obras e equipamentos, mais a participación non é válida para colectivos sectoriais no ámbito social, ambiental, cultural ou educativo, por exemplo. Ademais, a participación sobre 1 millón de euros é pouco representativa se se compara cos máis de 5 millóns de euros que hai de remanentes que non gastaron en 2015 por falta de xestión pese ás necesidades existentes na cidade e sobre os que a veciñanza non poderá nin opinar nin decidir.
Aludiu, así mesmo, á distribución por distritos artificiais, que non ten sentido en Santiago de Compostela, cando dispón de barrios e parroquias con entidade propia, e con este modelo evitan atender as demandas do asociacionismo veciñal. Nin o feito de que os distritos sexan rotativos polo que para 2017 só se teñen en conta tres, polo que o orzamento dedicado a cada un deles será mínimo. Por exemplo, un distrito rural só decidirá sobre un importe inferior a 300.000 euros.
O BNG defende un modelo de elaboración das contas municipais onde os colectivos veciñais e sociais sexan protagonistas da toma de decisións de máis capítulos do Orzamento, non só de investimentos en cemento.
Tamén require o BNG que se constitúan os consellos municipais de participación, unha das ferramentas máis útiles para fomentar a participación de veciños e veciñas en asuntos de interese público que, despois dun ano de Goberno de Compostela Aberta, seguen sen activarse pese a que se aprobou en sesión plenaria.
Por todo isto, Rubén Cela considera que este proxecto está aínda moi verde e despois de contrastalo con asociacións veciñais o BNG considera fundamental a participación, por iso creo no seu día os consellos municipais de participación.