Rubén Cela: Foi unha irresponsabilidade dilatar no tempo a convocatoria do concurso dos comedores"
Repítese o modelo do PP coa modificación parcial dos pregos, cando houbo tempo para avanzar cara a outro modelo de xestión
Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, manifestou que é unha irresponsabilidade dilatar no tempo a convocatoria do novo concurso de comedores escolares. Rubén Cela agarda que non xurdan imprevistos e que o persoal técnico poida valorar rápido as propostas para adxudicar en agosto e comezar o curso con normalidade, coa intención de que o Goberno municipal no vindeiro ano busque unha solución a futuro para os comedores e non a parches.
Despois da experiencia do curso pasado, sinalou, a estas alturas de ano debera estar xa ás portas da súa adxudicación. Aprobáronse aínda agora os pregos na Xunta de Goberno para o concurso, mais a tramitación media para un concurso deste tipo ten un tempo superior aos dous meses, imos co tempo xusto tendo en conta que o curso escolar comeza o 12 de setembro e a nova empresa concesionaria precisa un período para poñer o mecanismo en funcionamento e garantir que se preste o servizo con normalidade e regularidade, indicou.
Isto vén dar a razón a algo que advertiu o BNG, pois os anteriores pregos estaban mal feitos e había unha desproporción entre o que se demandaba e a prestación económica que se ofrecía, o que levou a que en varias ocasións quedase deserto e houbese que facer un procedemento express a dedo para adxudicarllo á mesma empresa que o viña prestando con queixas por parte dos pais e das nais.
Nesta ocasión hai modificación no prezo de saída e no ratio de persoal para atender nenos e nenas, iso vai nunha dirección correcta; mais por parte do grupo de Goberno non se atendeu unha petición do BNG e dos pais e das nais, como é fixar un prezo mínimo de licitación, atendendo o convenio colectivo dos traballadores e traballadorase ao custe mínimo dunha alimentación de calidade, enténdese que este servizo non se pode prestar por menos dun prezo determinado.
Para o BNG non foi boa a solución adoptada para garantir unha alimentación de calidade e de proximidade para que fose produto fresco e, a ser posíbel, con empresas de aquí. A Lei de Contratos non permite estas distincións mais si limitar a distancia física, por exemplo, de onde se atopan as cociñas industriais e o lugar de reparto. O Goberno local introduce así unha distancia de 180 quilómetros, mais iso non garante manter a cadea de cociñar e servir en quente, advirte Rubén Cela.
Non houbo avances no que se prometeu sobre a revisión integral do modelo do servizo, porque non houbo ningún intento real de asumir a xestión directa e a municipalización do servizo por parte do Concello nin tampouco sobre transferir este servizo a quen ten as competencias propias como é a Xunta de Galiza, nin en buscar un modelo híbrido como, por exemplo, coa Escola de Hostalaría. En definitiva, repítese o modelo do PP coa modificación parcial dos pregos, cando houbo un tempo importante para avanzar cara a outro modelo de xestión.